Xosé Lois Romero: “A música está en todas partes, a música forma parte de nós”

Autor: Carmen Grimaldi / Fecha: Sáb, 10/06/2017 - 10:44 / Etiquetas: Segunda Semana de la Música, Debate Circuitos Musicales, Entrevistas
Xosé Lois Romero Asociación Musicos ao vivo Galicia

Disque os músicos son de seu moi independentes e nada gregarios, pero para que a regra poida cumprirse, sempre ten que haber unha excepción. Xosé Lois Romero, un histórico da música tradicional galega, vén para contarnos unha destas excepcións: a Asociación de Músicos ao Vivo de Galicia, na que forma parte da directiva xunto a Manuel Alonso.

O recoñecido acordeonista e percusionista comezou na música sendo ben pequeno, cando se formou o grupo folclórico de Mera no ano 80. Poderiamos dicir que a música chamou á súa porta, porque este grupo ensaiaba na Casa do Pobo, que estaba diante da súa. Unha vez que a chamada se produciu, Romero empezou a súa aventura do coñecemento musical: “rapidamente comecei a escoitar outras cousas de todo tipo, buscando o meu sitio. Sempre me gustaron as músicas contemporáneas inspiradas no tradicional, unha música de fusión”.

A súa extensa traxectoria percorre diversos camiños como a investigación ou a docencia, pasando sempre pola expresión musical en numerosos grupos como os cuartetos Lelia Doura ou Luvas Verdes, ou na colaboración con artistas como Dani Bellón, Guadi Galego ou Mercedes Peón, entre outros tantos.

A súa vía de escape é o trío Vaamonde no que está acompañado por Pedro Lamas e Suso Vaamonde “chamámonos trío traxicómico, porque mesturamos a música tradicional co humor. Nós adoitamos facer proxectos máis sisudos e isto é unha especie de liberación”. O seu último traballo chámase “Aliboria”, un proxecto que quixo facer durante toda á súa vida como el mesmo afirma “sempre quixen facer un proxecto no que se actualizase a percusión tradicional”.

Xosé Lois Romero formará parte da mesa do debate sobre circuítos musicais que se realizará o próximo xoves, 15 de xuño, na sala Garufa,  dentro do marco da Segunda Semana da Música.

  • Coruña Hoy: Que é a Asociación de Músicos ao Vivo?

  • Xosé Lois Romero: Pois a Asociación Músicos ao vivo é agora mesmo a asociación máis importante que reúne aos músicos de Galicia, sexa cal sexa o seu estilo, profesionalidade ou actividade e busca principalmente defender e dar forma aos dereitos innatos da condición de músico como traballador en calquera dos seus formatos. Agora mesmo temos arredor de 500 socios e fundouse no ano 2008. A provisión é moi interesante e moi positiva.

  • Coruña Hoy: Cantos músicos pensas que pode haber en Galicia?

  • Xosé Lois Romero: Uff, moitas veces falamos de que realmente a música en Galicia está tremendamente popularizada e digamos normalizada. Penso que hai moitos centos de miles e de aí que a xente que se considere músico, aínda que sexa amateur, tamén sexa un número completamente descomunal. Ese é o noso traballo, o de ir concienciando a xente de que independentemente do ámbito no que se movan, son músicos, aínda que fagan só un bolo ao ano.

  • Coruña Hoy: Que lle dirías a eses músicos para que entrasen a formar parte da asociación?

  • Xosé Lois Romero: Que a asociación o que pretende é pór en valor a súa condición de músico, independentemente de que, insisto, crea ou considere que non é profesional. Dá igual, é músico e realiza unha actividade nun ámbito en concreto. Un carpinteiro que non traballa como carpinteiro, de todos modos, segue sentíndose carpinteiro. Neste caso os músicos, ademais, temos historicamente unha desconexión entre nós bastante grave e Músicos ao Vivo conseguiu, porque xa podemos dicir que o conseguiu, estruturar e digamos coordinar moitísimos músicos que teñen a visión clara de que a súa actividade ten que estar máis regulada do que está na actualidade.

  • Coruña Hoy: Como comezou a asociación?

  • Xosé Lois Romero: Comezou cun grupo de músicos en concreto, que viron esa necesidade; viron a eiva histórica que existía nese aspecto. Eles conseguiron moi pouco a pouco ir convencendo a xente para crear unha estrutura básica apoiados en Musicat, unha cooperativa catalá de músicos.

  • Coruña Hoy: Que ofrece Musicat aos membros da asociación?

  • Xosé Lois Romero: Pois este limbo legal no que se moven os músicos produce que a actividade profesional non estea ben regrada nin supervisada. Hai un baleiro, un limbo legal, no cal fai falla crear unha posibilidade de respaldo legal e profesional dos músicos cando actúan. Neste caso Músicos ao vivo ofrece a posibilidade de que os músicos poidan estar dados de alta e poidan ter todas as coberturas legais en calquera dos bolos e actividades musicais que fagan sen que teñan que recorrer a empresas ou teñan que ser autónomos.

    Musicat nese caso ofrécenos esa estrutura, que eles teñen funcionando desde hai moito tempo. O obxectivo é que nós acabemos montando a nosa propia estrutura, que xa nos queda pouco para conseguilo.

  • Coruña Hoy: Imaxina que alguén vai organizar un festival e necesita contratar músicos, pode achegarse ata a asociación?

  • Xosé Lois Romero: Ben, a asociación non é unha empresa de management. Non fai promoción, nin é representante de grupos, nin nada. A asociación está detrás das bandas. As bandas poden traballar cunha axencia de management, ou poden traballar cun produtor, ou poden traballar independentemente. Nós estamos detrás, nós somos como a xestoría das bandas, pero en ningún caso imos facer management, nin promoción, nin distribución de bandas, porque non é o noso cometido en absoluto.

  • Coruña Hoy: Hai relación entre Asociación de Músicos e a Asociación de Salas de Músicos ao Vivo?

  • Xosé Lois Romero: Si, haina e cada vez mellor. Evidentemente, os músicos non podemos vivir sen as salas organizadas e cun compromiso claro coa música ao vivo, e por outra banda, as salas necesitan dos músicos. A medida que pasa o tempo temos unha mellor relación e temos entendemento en canto aos obxectivos que son comúns, que melloran tanto a oferta que eles fan como as condicións dos músicos.

  • Coruña Hoy: Ademais de estar sentados na mesma mesa o vindeiro xoves, fixerades outras actividades xuntos?

  • Xosé Lois Romero: Estamos traballando conxuntamente na rede de músicos ao vivo como nalgunhas dinámicas de traballo máis para crear unha axustada legalidade da música ao vivo. Nese sentido, si estamos en permanente relación tanto con Clubtura como coa Administración. Digamos que somos unha especie de triángulo de colaboración.

  • Coruña Hoy: E coa Administración a relación ben?

  • Xosé Lois Romero: O traballo coa Administración é como debe ser.

  • Coruña Hoy: Que lle pedirías á Administración pública?

  • Xosé Lois Romero: Á Administración o que lle estamos pedindo é o mesmo que a todo o mundo e é o feito de que se respecten e se melloren as condicións coas que se trata a música ao vivo, sobre todo aqueles grupos que non teñen unha estrutura legal montada. Estou falando da música local, de grupos de distinto nivel que non en todos os casos son tratados coa dignidade que merecen. A colaboración da Administración, sobre todo a galega, é moi importante.

    Nese sentido, este ano, por primeira vez, o Concello da Coruña asumiu un compromiso para que todos os músicos que participen no Noroeste Pop Rock, non as grandes bandas, senón as bandas locais que participan, estean co respaldo legal correcto. Así, Músicos ao Vivo vai ofrecer, puntual e excepcionalmente, o servizo de contratación ás bandas que participen no Festival Noroeste, sexan ou non socias de Músicos ao Vivo. Este é un interesante exemplo de acordo entre dous entes, no cal entendemos que gañamos todos.