A Comarca Necesita Cercanías

0 comment
Santiago LameloMarea AtlánticaJune 182017

A Comarca Necesita Cercanías

 

Segundo os datos que manexa a concellería de mobilidade, na cidade da Coruña entran máis de 150.000 vehículos diarios por estrada, unha cifra inasumible para un concello de 38 km² de superficie. O exceso de vehículos privados provoca un impacto elevado na contaminación, contribuíndo ao cambio climático, xera atascos, ruído e ocupa unha gran cantidade de espazo público. Polo de agora, nin a Xunta de Galicia nin o Ministerio de Fomento tomaron medidas para dar alternativas a esa entrada masiva de vehículos, e só se preocuparon de aumentar as infraestruturas de entrada por estrada, mentres que agora preparan a ampliación da Vedra e tamén da Ponte da Pasaxe, medidas que só serven para incrementar ese número de vehículos.

Na Coruña temos a sorte de contar coas infraestruturas necesarias para implantar un tren de proximidade que utilice as liñas Coruña – Ferrol e Coruña - Lugo, o que suporía dar unha alternativa sustentable, cómoda e eficaz ao transporte por estrada das persoas que queren vir á cidade desde calquera das localidades polas que pasa o tren, incluíndo a Universidade, Pocomaco ou o Materno. Cunha inversión axeitada e aumentando as frecuencias, poderiamos conectar por tren a máis de 700.000 persoas e liberar as estradas de gran parte do tráfico rodado. A Coruña, xunto con Vigo, é a única gran cidade do norte do estado que non ten servizo de tren de cercanías, algo incomprensible nunha zona tan poboada e con tantos problemas de tráfico. 

O tren de cercanías podería aproveitar a estación de San Diego para ampliar a vía ata a parte traseira da comisaría da Avda. do Porto, algo perfectamente viable se recuperamos eses terreos para a cidade, e non cedemos a intereses meramente especulativos, que é o que pretende a Autoridade Portuaria. Tamén se poderían aproveitar as antigas vías de Repsol, e conectar por tren zonas como Agrela, solventando de paso os problemas de transporte e aparcadoiro nese polígono. Xa non digamos a oportunidade que sería aproveitar o tren ao Porto Exterior, actualmente sen financiamento e coa avaliación ambiental aínda pendente, para permitir que Arteixo teña conexión por tren coa cidade. E por suposto fomentando o transporte de mercadorías por tren, un servizo actualmente en perigo. Temos idea da cantidade de camións que pode aforrar un só tren?

Os concellos da Área Metropolitana xa se manifestaron a favor dun tren de cercanías e de mellorar a liña Coruña – Ferrol. O pleno do Concello da Coruña e tamén o da Deputación Provincial aprobaron por unanimidade a demanda dun tren de proximidade, pondo de manifesto que hai unha necesidade real de contar con este servizo. Sen embargo, a Xunta de Galicia non amosou interese, tan só nun plan de entrada dos autobuses da comarca no centro da cidade, e sen escoitar aos alcaldes dos concellos afectados, incluíndo o da Coruña. Estamos xogándonos o futuro da cidade e necesitamos apostas valentes e reais a un modelo de transporte que na actualidade é totalmente insostible. Un tren de cercanías con paradas na Praza de Ourense, Palexco, San Diego, San Cristóbal, Universidade, Agrela, Pocomaco, Meicende e Materno é perfectamente viable sen necesidade de obras faraónicas. Por que non se fai?