0 comment
Pablo J. Gonzál...Coordinador Consello Político Local Esquerda Unida A CoruñaApril 232017

Contra a orde de retirada da bandeira da II República

Seica a pasada semana a subdelegación  do Goberno na Coruña ordenou retirar a bandeira republicana da casa de Santiago Casares Quiroga, o museo adicado ao derradeiro presidente do Consello de Ministros da II República antes da Guerra Civil. 

Esta subdelegación, en mans do Partido Popular dende 2011, recorreu aos clásicos e apelou á lei de bandeiras de 1981 para xustificar a súa orde de retirada. Aducindo que a actual bandeira de España é a que debe ondear e ser exhibida nas sedes da Administración e que ningunha bandeira non oficial pode ondear nin no balcón nin en fachadas ou xanelas. Orde que con bo criterio o Concello elixiu desobecer, conscentes de que dificilmente aducirían o mesmo criterio ante unha bandeira arcoiris LGTBI ou en apoio a calquera outra causa ou reivindicación.

O partido de Mariano e Feijóo voltou a demostrar así que non teñen reparos en utilizar todas as administracións na súa man para tentar reprimir o dereito á memoria. Actuando contra un elemento simbólico clave ao que a actual lexislación de historia democrática insta a apoiar para o seu recordo. Novamente esa estratexia, do medo e de limitación á liberdade de expresión, tan metódica e que leva tantos anos sendo exercida contra as manifestacións populares, nos medios de comunicación e moi habitualmente ata nas redes sociais.

A Casares Quiroga a ditadura instaurada tras o criminal golpe de estado do 1936 lle embargaron todo o que posuía, até lle retiraron a nacionalidade en 1940. O que non lle puideron quitar foi a razón. 

Non retiremos nós esa bandeira, non esquezamos que o referéndum sobre a forma do Estado segue pendente e que Felipe VI foi unha nova imposición dunha Xefatura de Estado hereditaria e sen respaldo democrático directo. Non esquezamos que a retirada dos símbolos do fascismo se retrasou premeditadamente durante 40 anos na cidade da Coruña aducindo que non era un gasto prioritario, en contraste con honras como as da morte de Adolfo Suárez para o que en menos dunha semana se lle concedeu un parque ad memoriam de máis de  dous millóns de euros. Non esquezamos que a Constitución de 1978 recibiu o apoio maioritario porque se trataba de ratificar ou non restablecer as liberdades democráticas despois dos 40 anos de ditadura represora precedente e a bandeira da República é un símbolo deses dereitos e legalidade roubadas e aínda non totalmente recuperadas.