0 comment
Antía GarroteGrupo de Relato de Marea AtlánticaAugust 062017

Festival Noroeste: Paradigma dun novo modelo de xestión cultural

 

Sen dúbida, una aposta forte e atrevida nestes anos de políticas culturais da cidade da Coruña é o Festival Noroeste. Nel amósanse moitas claves que vaticinan cambios no paradigma non só do propio festival, senón das dinámicas de uso e desfrute da cidade.

É moi interesante sobre todo para as persoas de fóra– observar como A Coruña abre espazos non turísticos, non demasiado empregados, para establecer así diálogos coa cidadanía e o territorio.  Podemos atopar nos cartaces esa acertada frase, con moito gancho publicitario, que di Festival Noroeste (Re) Descubre A Coruña.

No Noroeste debemos ter en conta a amplitude e diversidade musical, que se ben parece enfocada a un público moi concreto, ten un cartaz no que se atopan estilos musicais diversos. Tamén sería importante salientar  a posibilidade de participación de colectivos que verán favorecidas as súas actividades económicas tendo como motor a cultura.

Retroalimentación do tecido empresarial da Coruña máis aló daqueles espazos previamente conquistados, dándolle cabida nestas actividades á poboación que durante todo o ano forma parte do tecido cultural da cidade, ben sexa como xestor/a ou como público.

A  lingua galega ten espazo no Noroeste da man de xente tan coñecida como Malandrómeda ou Emilio José, que forman parte das sesión matinais dun festival en expansión.

Distintamente ao que ocorre na xestión cultural deste país, que programa normalmente sen ter en conta as mulleres é importante destacar que nesta edición algunhas das apostas fortes sexan voces femininas, como a de Rosalía, que acompañada por Raúl Refree mostraranos nos primeiros días do festival a súa visión do flamenco nun espazo tan emblemático como é o Castelo de San Antón, ou Bala, un grupo integramente composto por mulleres galegas.

Podemos darlle os nosos parabéns a unha cidade en festas, unha cidade empoderada e chea de forzas e sinerxías que converxerán en moitos dos fermosos recunchos desta terra oceánica, más que disposta a ser pano de fondo dunha das maiores expresións artísticas; a música.