0 comment
Aurora Paz ViruetGrupo de Relato de Marea AtlánticaJune 112017

A MOCIÓN DE CENSURA E O DESGOBERNO DA CORRUPCIÓN

 

O próximo 13 de xuño debatirase no Congreso a moción de censura presentada o pasado 27 de abril polo Grupo Confederal de Unidos Podemos-EnComúPodem-En Marea contra Mariano Rajoy polos escándalos de corrupción do seu partido, considerado o máis corrupto de toda Europa. Tras dous días de debate, o Presidente do Goberno deberá someterse a unha sesión de control no pleno do Congreso o 21 de xuño.

O coordinador federal de Izquierda Unida, Alberto Garzón, insistiu na necesidade de levala a cabo, calificándoa de “obligación ética ante la situación de excepción de Estado” á que chegaron os casos de corrupción diarios nos que está metido o Partido Popular, que salpican ata a algunhas das principais institucións políticas e xudiciais do Estado. Ante unha situación tan insostible, os impulsores da moción afirmaron que está sobradamente xustificada: os supostos “casos illados” resultan ser do máis común, aparecendo a diario na prensa e demostrando que, máis que “mazás podres”, son produtos dunha verdadeira institucionalización da corrupción política, que pon en entredito a validez da nosa democracia actual, déixanos en evidencia diante de toda Europa e, máis gravemente, ponlle a zancadilla á saída da crise económica e ao benestar da sociedade.

A moción de censura é un mecanismo para esixir responsabilidade política ao actual Goberno, co obxectivo final de forzar a saída pola vía democrática do Presidente e escoller un sustituto. É un sistema que xa se empregou anteriormente, case nos albores da nosa actual democracia: en 1980, o PSOE realizouna por primeira vez contra Adolfo Suárez, propoñendo a Felipe González como candidato alternativo; sete anos despois, no 87, volvería a presentarse unha moción, pero desta vez sería Alianza Popular a que intentaría derrubar a Felipe González, con Antonio Hernández Mancha como o seu posible sustituto. En ningún dos dous casos a moción saíu adiante, pero marcou unha chamada de atención importante e puxo enriba da mesa as contradicións e os problemas do Goberno do momento, deixando ben claro no Congreso e na opinión pública as graves faltas e a baixa calidade democrática daqueles intres políticos.

Por qué é tan complicado que unha moción de censura teña éxito no noso país? En primeiro lugar, ten que ser presentada por un 10% dos deputados (é dicir, 35) á Mesa do Congreso mediante un escrito motivado; tendo o devandito Grupo Parlamentario 71 deputados, o requisito cumpriuse sobradamente. En segundo lugar, deben presentar un candidato alternativo para sustituír ao actual presidente do Goberno, que neste caso finalmente acordouse fora Pablo Iglesias. Finalmente, e tras un (probablemente) intenso debate no Congreso no que falarán tanto os impulsores da moción e este candidato como os demáis grupos parlamentarios e o partino no Goberno afectado, votarase a favor ou en contra, necesitándose a maioría absoluta do Congreso (a metade máis un, isto é, 176 deputados) para que finalmente saia adiante.

A dificultade radica nesta cantidade de apoios necesarios. O portavoz do PNV, Aitor Esteban, considerouna unha “torpeza absoluta”; Manuel Villegas, de Ciudadanos, a denominou “circo de Podemos”, e os afectados directos recibírona directamente con burla e desprezo, calificándoa o portavoz do grupo Popular, Rafael Hernando, de “charlotadas e numeritos”. Soamente o PSOE podería dar unha sorpresa tras o xiro dos acontecementos das súas Primarias do pasado domingo 21, aínda que non é unha posibilidade demasiado esperanzadora.Por outra banda, ata agora a moción foi máis ou menos escoitada por grupos como Compromís ou ERC.Tamén en Galicia, o pasado 22 de maio En Marea anunciou oficialmente o seu apoio a esta moción de censura, tras unha consulta previa ás súas bases (realizada de xeito telemático e tamén físico), cun resultado do 85,06% de votos a favor dela; pola súa banda, a Marea Atlántica coruñesa manifestara xa o seu apoio ao pouco de coñecerse a proposta deste Grupo Confederal, pois da situación estatal dependen moitos dos orzamentos municipais, e da teima do Partido Popular en tapar o que se mostra como un auténtico roubo xeneralizado á poboación españoladerivan as dificultades de mudar a política e incentivar políticas sociais nos municipios.

O pasado sábado 20 de maio, a Puerta del Sol de Madrid encheuse de xentes indignadas que manifestaron o seu rexeitamento a un des-Goberno que se preocupa máis das contas particulares en Suíza que do pobo que puxo nas súas mans o seu futuro. Quedou clara a repulsa, a vergoña e o enfado, e o amplo apoio popular co que conta esta moción de censura pese á desidia dos grupos parlamentarios de dereitas. Do mesmo xeito, numerosos actos en apoio á moción tiveron lugar nos pasados días ó longo de Galicia, o derradeiro na propia Coruña este mesmo domingo 11 de xuño ás 13:00 horas coa participación de deputados de En Marea como Yolanda Díaz, Antón Gómez-Reino e Pancho Casal, e concelleiras como Silvia Cameán e Alberto Lema. Quérese con elo non só mostrar a indignación e a vergoña allea que produce esta verdadeira mafia de des-gobernantes, senón tamén lembrar que cando un executivo parasita as institucións con corrupción, non hai máis camiño que presentar unha alternativa sólida e comprometida coa poboación antes que cos seus petos.

Ante tantas mostras de interese social e político cara á (literal) delincuencia institucionalizada do Partido Popular, este mes de xuño promete ser intenso, trascendental e, teña éxito ou non a moción, deixará en evidencia ao actual Presidente do Goberno. Mariano Rajoy deberá, por fin, dar explicacións ante toda a cidadanía do país que lle deu a responsabilidade de lideralo, e faranse ben visibles as profundas fallas do sistema fabricado naquela suposta “Transición modélica” que nos fixeron tragar de cativos nas escolas.