0 comment
Pablo NovoaCoordinador Consello Político EUMarch 262017

MODELO DE CIDADE

 

O 24 de xaneiro de 2003 celebrouse un Consello de Ministros na Coruña. O gabinete de José María Aznar foi convidado polo entón Alcalde, Francisco Vázquez, por mor da catástrofe do Prestige. Nesa reunión validouse e impulsou unha das decisións máis transcendentes que unha cidade portuaria pode tomar: desfacerse do seu porto. 

Para xustificar a decisión invocáronse razóns de seguridade en base ao recente desastre ambiental; esgrimíronse razóns de modernidade mencionando que as cidades portuarias modernas substitúen os seus portos interiores por outros exteriores; e expuxéronse razóns económicas baseadas no estímulo económico que suporía un investimento tan elevado.

Co tempo descubriuse que o verdadeiro motivo da decisión era unha gran operación de especulación inmobiliaria que quería aproveitar os terreos portuarios do centro da cidade para construír vivendas de luxo.

 

A Coruña, unha cidade de servizos.

É difícil precisar o momento, pero hai algunhas décadas alguén tomou a decisión de transformar a nosa cidade nunha “cidade de servizos”.

Esa decisión provocou o estrangulamento do crecemento industrial, evitando a cualificación de novo chan para uso industrial, reducindo ao mínimo a comunicación mediante transporte colectivo público dos polígonos industriais co resto da cidade e descoidando o tecido produtivo.

Mentres, facilitábase e promocionábase a instalación de infinidade de grandes superficies comerciais e financiábase con fondos públicos a construción dun conxunto de museos “científicos”. Desde o Goberno municipal dábase a entender que un puñado de grandes superficies, sumada a unha rede de museos interactivos, un tranvía turístico e o sector hostaleiro poderían xerar actividade económica suficiente para manter a 250.000 persoas e empregar á súa correspondente poboación activa.

Trinta anos despois a cidadanía descubriu que a caída de emprego industrial non foi compensada pola creación de emprego no sector servizos; que a distribución comerciante polo miúdo desta cidade pasou das mans dos pequenos comerciantes autónomos ás mans de multinacionais exportadoras dos beneficios a paraísos fiscais e creadoras de emprego precario; que os grandes beneficiados “da cidade de servizos” volveron ser os especuladores que quedaron coas plusvalías derivadas das recualificacións urbanísticas; que as cidades europeas máis prosperas son as que contan cunha base industrial potente.

Os anteriores son dous exemplos de decisións de gran transcendencia para a cidade que se tomaron para beneficiar a un pequeno grupo de especuladores, prexudicando ao resto da cidadanía. Non se sabe quen, como e cando tomaron esas decisións, pero estamos seguros de varias cuestións:

Non foron decisións colectivas consensuadas pola cidadanía.

Só beneficiaron a un conxunto de especuladores, prexudicando á maioría social.

Esas decisións non se tomarían se existise un modelo de cidade acordado pola maioría da cidadanía despois dun proceso de elaboración colectiva.

 

Definición dun modelo de cidade

Moitas cidades desenvolveron o seu modelo de cidade. Normalmente fíxose a través do que se adoita chamar “Plan Estratéxico”.

O seu proceso de redacción difire duns casos a outros. O que adoitan ter todos en común é que parten dunha análise da situación actual da cidade, definen onde se quere chegar e como.

Cando definen onde se quere chegar, céntranse en dúas cuestións: de que vai vivir a cidadanía? (modelo económico) e como vai vivir a cidadanía? (modelo urbano).

 

O modelo económico

A grandes liñas, dentro dos modelos económicos que se poden definir para unha cidade, pódense atopar variantes diferentes, entre as que destacan as seguintes:

-Cidade turística, que inviste en atraccións, infraestruturas de transporte e promoción. Xera postos de traballo de baixa cualificación, pero non é moi contaminante e tampouco require gastar nunha universidade. É sensible a crises económicas nos países de orixe dos turistas. Os prezos adoitan estar máis adaptados ao poder adquisitivo dos turistas que dos cidadáns.

-Cidade industrial, que inviste en infraestruturas e formación. Xera postos de traballo de diferentes tipos e adoita ser contaminante. Ten que preocuparse das posibilidades de deslocalización, competindo permanentemente en salarios e en formación e innovación.

-Cidade de servizos, que adoita estar situada preto dalgún centro industrial ou de comunicacións ao que servir. Xera postos de traballo de diferentes tipos e non ten que ser contaminante. É sensible ás crises da zona industrial á que serve.

-Cidades tecnolóxicas, que están situadas á beira dalgunha das mellores universidades ou centro de investigación do mundo. Xeran postos de traballo de alta cualificación e pouca contaminación. Compiten en innovación transformando os avances tecnolóxicos resultado da investigación universitaria en novas empresas.

Paraísos fiscais, que normalmente responden á configuración de cidades-estado, que poden definir a súa propia fiscalidade e que viven de fomentar e amparar a evasión fiscal.

 

O modelo urbano

Queremos unha cidade cun modelo de mobilidade baseado no vehículo individual ou no transporte colectivo? Queremos unha cidade con máis servizos, maior cohesión social e impostos máis altos; ou unha cidade con menos servizos, máis individualista e impostos máis baixos? Queremos vivendas de máis calidade a maior prezo ou menor calidade e menor prezo? Queremos barrios interclasistas, interraciais e interculturais?

A contestación a estas e outras moitas preguntas deste estilo é o que define o modelo urbano da cidade. A definición deste modelo comprende á súa vez a definición dos plans urbanísticos, dos plans de mobilidade, o modelo ecolóxico e enerxético e o modelo cultural e de lecer.

 

Realismo e consenso

Na definición dun modelo de cidade é necesario ser realista. Sería estéril definir un modelo de cidade turística cando se teñen poucos atractivos turísticos,  ou tentar chegar a ser unha cidade tecnolóxica sen dispor de centros de investigación de alto nivel, ou querer ser unha cidade de servizos se non hai clientes dos devanditos servizos. E tamén hai que ser realista na avaliación de canto se tardaría en alcanzar o obxectivo.

Tamén é necesario que o modelo elixido estea soportado por un gran consenso xa que noutro caso ocorre o que leva décadas pasando na nosa cidade cos plans de mobilidade: cada goberno municipal encarga a redacción dun plan a cambio de moitísimo diñeiro, que é refeito polo goberno seguinte e nunca executado.

 

Que propón EU?

Esquerda Unida propón levar a cabo dúas accións.

Unha é coñecer a nosa realidade: Que formación temos? Con que niveis de contaminación estamos a convivir? Que tipo de vivendas habitamos? De que vivimos? Como empregamos o noso tempo libre? E outras preguntas que en conxunto nos axuden a comprender colectivamente de onde partimos.

A outra é saber onde queremos chegar: como queremos vivir e de que queremos vivir, definindo un modelo de cidade realista que conte co consenso da cidadanía.

Nos derradeiros anos a participación avanzou nalgúns concellos de Galicia pero debemos aspirar a máis. Pasar da política para a xente á política coa xente, porque non se pode confiar en ningún político para que arranxe el só os problemas que nos afectan a todos e a todas.