0 comment
Aurora Paz ViruetSecretaria de Comunicación de EU A CoruñaJuly 022017

O 28 de Xuño e o Orgullo de ser libres e diversas

 

“Nin son unha toleirona, nin son unha ‘golfa’. Simplemente son unha persoa que ama e desexa a algúns homes e a algunhas mulleres. Non debería ser tan difícil de entender”. Así me expresaba recentemente cuns amigos un destes días, nunha conversa na que comentábamos a necesidade, aínda hoxe, da existencia dunha xornada de Orgullo LGBTI+, do triunfo que supuxo a representación nel de todas estas siglas e de cómo estamos a piques de superar incluso este ‘etiquetado’ sexual e afectivo e entender a sexualidade como verdadeiramente é, fluída e diversa.

Sei que, como persoa bisexual, non podo nin imaxinar os extremos que moitos compañeiros homosexuais, transexuais ou intersexuais tiveron que aturar; mais sí podo falar da incomprensión e a falsa tolerancia dunha realidade que moitos descoñecen: do temor real a deixar de ser aceptada nun grupo de colegas en canto o saiban ou aos comentarios crueis da túa propia familia, do incrible hastío de ter que explicar todo de continuo e andar desfacendo mitos e trangalladas; e de ter que soportar reaccións de incredulidade machista: homes que confunden bisexualidade con disposición perpetua para o sexo (con eles, claro), ou a agotadora teima de que os homes ‘bis’ son en realidade homosexuais no armario e as mulleres ‘bis’ son heterosexuais “viciosas”, é dicir, a asunción social automática de que o que debes querer é sempre un pene. En definitiva, sei o que significa andar con pés de chumbo, sen poder disfrutar libremente da propia sexualidade en según qué ámbitos, por medo a recibir “paos” figurativos de todos lados. Por todo isto, son moi consciente de que, cando escribo este artigo, o fago non só dende un partido comprometido coa diversidade sexual e afectiva, senón tamén dende dentro do Colectivo, de xeito conxunto con todos os seus membros, militando polos nosos dereitos e pelexando todos na mesma loita.

Hai pouco vin unha reportaxe do programa de RTVE ‘Informe Semanal’ do ano 1981, “Los Homosexuales”: un vídeo duns quince minutos que nos leva tres décadas ao pasado, pero que ás veces parece ir a unha época moito máis arcaica. Nel, os mozos entrevistados (catro mozos varóns homosexuais) relataban as dificultades coas que tiveron que lidiar durante toda a súa vida, coa incomprensión da familia e a perda de amigos e ata do emprego, expresando gran valentía cando un deles négase a ser gravado en penumbra porque “no tengo nada que ocultar” e, mirando a cámara, di ben alto e sorrindo “soy homosexual”. Psiquiatras e outros personaxes interveñen logo para explicar a bagaxe sociocultural dos roles de xénero impostos durante séculos, que desnormalizaron o espectro sexual e afectivo humano que noutras épocas históricas considerábase natural. Mais se mostraban tamén outras entrevistas a pé de rúa, a persoas herdeiras do franquismo sociolóxico, que daban mostras dunha homofobia tremenda, dun rexeitamento radical, chegando a reivindicar xa non o cansino “día do orgullo hetero”, senón o do “machote, que ése soy yo”. É o cheirume dun pasado recente, pero tras os derradeiros meses non podo evitar pensar que estas actitudes, no máis profundo de certos sectores da sociedade, en realidade non están superadas.

E é curioso, precisamente, que canto máis se escoita a teima de que estamos moi avanzados e que a diversidade sexual está xa aceptada na sociedade, máis exemplos de saltos cara atrás vemos nos medios e nas redes. Non hai que marchar moi lonxe: a mesma semana pasada unha manifestación neonazi en Murcia agrediu físicamente ás xentes que se concentraban de xeito pacífico nun evento LGBTI. E tampouco hai que irse aos casos máis extremos: dende supostos intelectuais cavernarios a coñecidos foros de internet, o xerme da violencia e da fobia nace en comentarios de incomprensión e odio totalmente cotiáns, que navegan entre o hastío das reivindicacións (“qué cansera con el arcoiris”) e as esixencias de non permitir ostentacións (“de mariconadas y cochinadas”), pasando por chistes estereotipados de dubidoso gusto. Ás veces, estas mostras de desprezo chegan aos círculos sociais máis inimaxinables, como o dos gamers aficionados a videoxogos.

Sí que é certo que, en comparación coa situación mostrada naquel documental, o avance acadado nas dúas décadas que levamos do século XXI é moi importante. Hoxe en día é difícil facerlle entender a un adolescente occidental que, hai apenas 50 anos, non só podías sufrir discriminación, senón incluso ser marxinado no laboral e ata metido no cárcere, como se amar máis aló do mainstream fora un acto de delincuencia. Que unha persoa homosexual era considerada unha enferma perigosa que debía ser tratada por médicos para “curarse”, que as familias as botaban da casa, que non podían contraer matrimonio (os derradeiros en subirse a este carro da igualdade, a Alemaña que non é de Merkel) nin adoptar a unha criatura, e ata (e disto non fai tanto tempo) doar sangue, ou que a transexualidade tratábase como unha escura anomalía. Que, asemade, era case imposible ver unha persoa do Colectivo ben retratada na ficción, sen estereotipos nin situacións irreais, ofensivas ou denigrantes; por poñer exemplos de cómo facer ben as cousas, series como ‘Sense8’, ‘Orange is the New Black’, certo capítulo da derradeira tempada de ‘Black Mirror’ ou a menos coñecida ‘When We Rise’, fixeron unha laboura tremenda na normalización do natural, dándonos a oportunidade de sentirnos identificadas con personaxes reais e non topicazos (non falemos xa da ficción pensada para o público infantil, onde cada día vense avances máis bravos). Sí, hoxe vemos mostras de apoio en moitos recunchos do país e do mundo, e sen ir máis lonxe na Coruña temos a sorte de contar cun Goberno local que está a facer unha tarea visibilizadora e reivindicativa inxente, cando hai anos o mero feito de colgar unha bandeira arcoiris no balcón dun Concello era un acto de valentía que lles podía traer graves consecuencias aos promotores deste xesto.Todo isto, nun mundo no que casos como o da ‘Lei de Vagos e Maleantes’ franquista, a ‘Iniciativa Brigss’ ianqui ou a represión de Stonewall parecen tan lonxanos, fai a moitos pensar que reivindicacións como a do 28 de Xuño xa non son tan necesarias nin tan urxentes.

E sen embargo, nun intre no que parecíamos andar por fin na senda correcta, aparecen casos cada vez máis numerosos de rexeitamento e rebote, mensaxes de puro odio lanzados por xentes mezquinas que cuspen o seu veleno nas redes sociais tras a seguridade dunha pantalla (“señores enfadados de internet”, definiunos un compañeiro hai pouco), axitando as madrigueiras onde se escondían os residuos da ranciedade e facéndonos ver que estaban moito máis preto do que pensábamos. De repente, volven expulsar a rapazas dun pub por bicarse, reparten panfletos medievais nas escolas, boicotean a unha empresa de videoxogos por amosar unha personaxe bisexual, autobuses expoñen mensaxes transfóbicos polas carreteiras e xeran un debate que en teoría estaba máis que superado... A LGBTIfobia está voltando cando apenas acabara de marchar, e cunha virulencia renovada; os grupos conservadores, neonazis e neofascistas ameazan coa violencia física directa contra as mostras de liberdade sexual e afectiva, de avance social. Os éxitos acadados poderían desaparecer antes de que nos déramos conta do perigo. E temos moitos exemplos noutros lugares do mundo onde ás persoas LGBTI robóuselles a voz (ou nunca a tiveron), e cada semana nos chegan noticias terribles de malleiras, torturas e asasinatos polo simple feito de ser diferente.

Como en tantos outros ámbitos, non podemos consentir nin un salto atrás neste sentido. As agresións deben ser denunciadas, perseguidas e evitadas, e niso teñen moito que dicir as institucións. E precísase non só un regulamento legal que trate este problema, como xa se fixo en moitos lugares do país, senón tamén unha inmensa labor pedagóxica e divulgativa que explique ese verdadeiro abanico sexual, na orientación e na identidade, que existe na natureza, que clarifique a falta de base biolóxica do constructo social dos roles de xénero e que exprese a diversidade do ser humano no seu xeito de amar e de indentificarse; unha labor que debemos xa agradecer a todas as persoas e colectivos que loitan por esta formación e por esta liberdade vital (FELGTB, ALEAS, ALAS, Marea LGBTI+, Sete Cores, Transmaribolleras en Loita, os marabillosos raparigos de Queer Avengers...). Todos estamos a aprender continuamente na nosa vida: xente cercana a min, e ata eu mesma, evolucionamos no noso pensamento ó longo dos anos, e seguimos a formarnos en moitos aspectos conforme imos gañando experiencia e coñecemento. Por iso, debemos desenvolver un traballo colectivo e movernos en redes locais, nacionais e internacionais para perseguir unha verdadeira igualdade, sabendo que esta loita é de todas e todos.

O World Pride, o Orgullo internacional que cada ano recorre o planeta, é unha sinal de que imos por bo camiño. Pero non debemos esquecer que esa data sinalada do 28 de Xuño conmemora os disturbios de Stonewall e a lembranza da represión recibida polos compañeiros que esixían en Nova York o seu dereito a amar e ser amados como quixeran. Por iso, este World Pride, que encheu as rúas de Madrid de cores e alegría, foi tamén unha xornada de loita e de reivindicación, un momento para recordar ás compañeiras e compañeiros ó longo do mundo, oprimidas ou represaliadas por non conformarse cunha vida de silencio e mentiras. Pedimos por nós e por todos os demáis o dereito sobre os nosos corpos, o respecto, a visibilidade e a normalización do que, queime a quen lle queime, é natural, inevitable, positivo e condenadamente fermoso.

Porque, como dicía un dos mellores temas que deu a música pop recente, “estou na pista correcta, nacín desta maneira”. E porque a nosa dignidade non se toca, e queremos vivir con liberdade a nosa cor.

Feliz Orgullo, a todas e a todos.