0 comment
Aurora Paz ViruetSecretaria de Comunicación de EU A CoruñaMarch 122017

O Día da Muller Traballadora. O Internacionalismo Feminista e a persistencia da Loita

Levaba uns días cavilando qué escribir respecto ao Día Internacional da Muller Traballadora, cómo poñer énfase na importancia da existencia desta xornada e cómo defendela, cando me decatei de que o pensaba precisamente como muller traballadora que son. Empatía e apoio veñen de xeito natural e case obrigado cando consideramos o feito de que formamos parte do colectivo reivindicado.

O Oito de Marzo é unha data importante a nivel internacional, quizais a máis significativa do feminismo universal, que este ano 2017 tivo unha forza especial polo Paro Mundial das Mulleres (International Women Strike) convocado pola asociación feminista arxentina “Ni una menos” e que foi seguido en 49 países de todo o mundo. En España todos os colectivos como Esquerda Unida sumámonos a este evento que na Coruña tomou un cariz especialmente emotivo tras a decisión do goberno municipal de adicarlle unha das festividades locais da cidade, e participamos nas actividades e concentracións realizadas ao longo de todo o día.

Ultimamente estase a estender por unha ruidosa parte da sociedade un sorprendente rexeitamento ao movemento feminista. Sempre que se achega unha data coma esta empezamos a ver todo tipo de exaltación mal entendida deste día, con descontos especiais para mulleres en comercios e bares, programacións de televisión enchidas de programas do corazón ou comedias románticas enaltecedoras dun amor romántico falso, lambeteiro e nocivo, publicidade especialmente sexista... e tamén temos que aturar todo tipo de comentarios, mesmo de xente que non esperábamos: peticións absurdas do “Día Internacional do Home” (branco e heterosexual, entendemos tamén), “piropos” especialmente perturbadores ou directamente noxentos e, por suposto, o famoso apelativo de “feminazi”, que se propaga pola cidadanía cal peste bubónica entre xente cada vez máis nova.

O paulatino ascenso no Occidente da extrema dereita, que entre outros asuntos rexeita totalmente o feminismo e a defensa da emancipación das mulleres, e do capitalismo neoliberal máis salvaxe, movido por intereses estritamente económicos e radicalmente opostos á igualdade como principio de convivencia, ameaza cun salto atrás que podería tirar abaixo todo o acadado no pasado século pola igualdade entre homes e mulleres. É por iso que un dos lemas que se escoitaron unha vez máis estes días era “Patriarcado e Capital, alianza criminal”.

O patriarcado, como sabemos, é segundo a RAE o “predominio ou maior autoridade do varón nunha sociedade ou grupo social”, isto é: un tipo de sistema social que se estendeu ao longo da historia, especialmente no Occidente indoeuropeo e no mundo semítico hebreo dos que descende a nosa sociedade. Cando dende o feminismo se fala da opresión exercida polo varón sobre a muller durante milenios, faise dende o coñecemento dunha historia que relegou e minimizou á metade da poboación en aras dunha estrutura socioeconómica concreta, baseada na división sexual do traballo, deberes e obrigas, mantendo a posición privilexiada do xénero masculino sobre o feminino.

O capitalismo, pola súa banda, é un “sistema socioeconómico baseado na propiedade privada dos medios de produción” e que se regula polas leis do mercado e os meros intereses económicos das grandes multinacionais e fortunas, que non teñen na súa axenda a inversión en políticas feministas nin de xénero; de feito, impulsan a parálise de políticas sociais de todo tipo coa escusa da “falta de rendibilidade”. En definitiva, ao capitalismo neoliberal interésalle o mantemento do modelo produtivo patriarcal que incida nas diferenzas sexuais, e en consecuencia nas diferenzas de clase. Unha das trampas deste capitalismo é a perversión da liberación da muller, converténdoa en obxectificación: o noso emprego como mercadoría sexual e a defensa da “liberdade de venta” do propio corpo é un dos exemplos máis claros da actitude do liberalismo económico fronte ao feminismo. 

Ante estes ataques, a xornada do Oito de Marzo vólvese especialmente importante. Explicar que o feminismo promove a igualdade real entre homes e mulleres parece redundante a estas alturas: nuns anos nos que a violencia machista non só non descende senón que parece agudizarse, sobre todo, e dun xeito preocupante, nas capas da poboación máis novas; que os noticiarios énchense de noticias terríbeis sobre tratas ou feminicidios; e que ata se nos trata de “esaxeradas” cando denunciamos o acoso nas rúas que sufrimos dende ben pequenas, faise urxente facer presión nas prazas e nas institucións para mobilizar e sensibilizar á sociedade nesta realidade e educar ás novas xeracións en políticas de igualdade. Non podemos consentir ningún paso atrás no acadado pola igualdade ata agora, nin tolerar o mínimo repunte de escuros pasados de ranciedade. Hai que recordar que, como dicía Angela Davis, o feminismo non é máis (nin menos) que “a idea radical de que as mulleres somos persoas”, e que é deber de toda a sociedade no seu conxunto loitar pola súa consecución.

Nestes tempos de muros e cavernas, todo isto parece unha labor inxente e difícil; pero temos o exemplo das compañeiras que pelexaron con furia durante séculos pola liberdade e autonomía da muller. Dende as sufraxistas cualificadas de “histéricas” e “irracionais” ata as plataformas feministas actuais, pasando por nomes da Historia ben coñecidos por todas nós, as feministas sempre tivemos ese valado de incomprensión das nosas demandas, cunha resistencia inzada ás veces de violencia e crueldade. A celebración do Oito de Marzo pretende conmemorar a todas aquelas que a primeiros do século XX se organizaban para mobilizarse e convocar folgas esixindo dignidade (Clara Zetkin, Rosa Luxemburgo ou as 146 mozas asasinadas no sanguinario incendio da fábrica téxtil neoyorkina “Triangle Shirtwaist Company”o 25 de Marzo de 1911, pechada con chave polo dono desta para evitar que foran á folga), ademais das mulleres que precisamente un 8 de marzo de 1917 se revolveron en Rusia contra o Zar pola escaseza de alimentos, dando comezo á cadea de acontecementos que desembocaría na Revolución Rusa, e cimentando un pioneiro recoñecemento a nivel estatal da plenitude de dereitos e autonomía persoal para as mulleres. Recordamos a estas grandes loitadoras porque, aínda tendo todo en contra, non se deron por vencidas, sementando co seu exemplo o futuro da emancipación da muller.

Actualmente sigue a ser necesario o feminismo como un compromiso político das mulleres, e tamén dos homes. Aínda hoxe non podemos deixar de pelexar tanto pola nosa liberdade -nas decisións sobre o noso corpo no sexual e no reprodutivo, con atención ás diferenzas en orientacións e identidades sexuais, no rexeitamento radical da obxectificación e en que se usen os nosos corpos como mercadorías-, como na autonomía económica e a igualdade laboral e salarial real respecto aos homes. Somos a metade da humanidade e debemos incentivar a nosa visibilidade en todos os ámbitos da vida: na educación e no traballo, na administración e na política, no audiovisual e na literatura, nos deportes e no ocio, na ciencia e na historia. As políticas de paridade pretenden estimular esta presenza feminina en todos os ámbitos que ata agora nos foron negados, e é necesario que a política de xénero estea presente na vida, na educación e na política a cotío. Igualmente, cómpre lembrar que os roles de xénero son un constructo do imaxinario que non ten base biolóxica, que non pertencemos a ninguén, que non temos que aturar ningunha forma de acoso nin discriminación, e que temos dereito sobre as nosas decisións e as nosas vidas.

Sumámonos a este International Women Strike porque entendemos a necesidade dun internacionalismo feminista para defender os dereitos de todas aquelas compañeiras do mundo sen voz, ás que o medo ás represalias impídelles protestar como fixemos nós os pasados domingo e mércores. Secundamos o paro e berramos nas prazas polas irmás oprimidas que se atopan en situacións de maltrato persoal e social, obrigadas contra a súa vontade a matrimonios na infancia ou a arrepiantes vidas de escravitude sexual. Indignámonos pola represión da liberdade afectiva e de xénero que se traduce tantas veces na persecución e ata na morte daquelas que non se conforman cunha vida de silencio e mentiras. En definitiva, combatemos ao patriarcado e este 8M expresámolo nunha acción global para manifestar que a loita de unha é a loita de todas.

Este Oito de Marzo recordamos, unha vez máis, que sen feminismo non hai igualdade, e sen feminismo non hai nin pode haber Democracia.

Viva o Oito de Marzo! Viva o Día da Muller Traballadora!