Participación, distritos, regulamentos e democracia real.

0 comment
Manuel Francisc...BNGApril 022017

Participación, distritos, regulamentos e democracia real.

 

O Goberno municipal vén de presentar esta semana a súa proposta de partillar en distritos a cidade.

Este proceso, que naceu da ansia de coñecer as distintas realidades que se atopan nos espazos comúns da Coruña (segundo sinalaban membros do propio Goberno municipal cando se trasladou esta iniciativa á veciñanza a través do proceso A Porta Aberta alá por setembro de 2015) ten por obxectivo dotar das ferramentas que garantirá o dereito da veciñanza de acceso aos servizos básicos na proximidade, tal e como anunciaba a concelleira de Participación Claudia Delso na súa presentación pública.

A nova configuración da Coruña fai que se conformen 10 distritos, máis un chamado “Do Común”, conformado polo litoral costeiro, fachada marítima e Castro de Elviña.

A descrición detallada de cadanseu, pormenorizando a súa demografía, a súa superficie, a súa densidade de poboación, a súa dotación de infraestruturas e servizos e mesmo o seu cadro urbano era, loxicamente, e despois de máis dun ano é medio, a consecuencia mínima que a este proceso se lle debía demandar.

Desde o BNG sempre amosámonos moi críticos con este proceso.

En primeiro lugar por considerar que se comezaba a construír a casa polo tellado. O fundamento para partillar a cidade ten a súa orixe na configuración que se realiza a partir do Regulamento de Participación actual (2004), feito no mandato 2003-2007, por obriga da Lei das grandes cidades, moi restritivo coa participación, obsoleto, descoñecido, con amplas competencias en mans dunha única persoa (o alcalde; lembremos que era Paco Vázquez a aquela altura) e cunha ampla e maioritaria resposta social cando foi aprobado. Dun xeito moi xenérico, divide a cidade en dous distritos, Pescadaría e Oza (artigo 23). 

Para o BNG isto é determinante xa que logo se parte na orixe dun erro: dar por bo ese regulamento, ser a base, sen cuestionalo e sen pretender reformalo ou crear un novo.

En segundo lugar, preguntámonos que modelo de participación pretendemos artellar na cidade. Esta pregunta é a consecuencia lóxica do anterior e de cuestionármonos o Regulamento de Participación en vigor e querer reformalo ou cambialo. 

O Bloque, desde o mesmo momento no que se levou a debate o primeiro proxecto xa en 2004, tivo unha proposta alternativa, na que se facía unha aposta determinante por órganos de decisión, onde a participación non só se limitaba a que a veciñanza, o pobo da Coruña, puidera falar dos asuntos públicos, dos investimentos necesarios para o seus barrios ou das demandas históricas que seguen sen resolverse. O BNG apostou para que a través deses órganos tamén se executaran políticas e xestión. Trasladar as decisións ao inmediato e ao que realmente se necesita. E unha derivada diso é a creación de xuntas e asembleas de distrito onde as veciñas e veciños puideran falar e votar, por tanto decidir. Que un distrito comece na rúa Marola, na praza do Comercio ou no Camiño de Saramelos é accesorio. O importante é que realmente se tomen as decisións en función das necesidades reais a través de órganos participativos e decisorios.

En terceiro lugar, pola creación dunhas expectativas que na realidade non se van cumprir. Este proceso de “A Porta Aberta” centrouse máis na publicidade e mercadotecnia que no obxectivo que se pretendía buscar, se nalgún momento tivo un obxectivo definido e concreto. 

No BNG cremos que este proceso foi máis un fin en si mesmo que un medio para establecer as bases da reforma no xeito de participar da veciñanza da Coruña nos asuntos públicos e nas políticas municipais. Vendeuse a idea de que este proceso dáballe ao pobo unha posibilidade que nunca antes tivera, un contacto directo co Goberno local. Que por primeira vez se abrían espazos dos que con anterioridade non se gozaban achegando a política municipal ás rúas e ás prazas. Sinalouse que por primeira vez un Executivo local foi quen de aproximarse á cidadanía para falar dos barrios e para escoitar as súas demandas.

E a volta deste ano e medio temos xa “postos os marcos” pero o debuxo que se nos presentou, e que seguramente está moi ben fundamentado e que tera argumentos de abondo para o defender, non se diferenza, na práctica, doutros mapas, como do plano de distritos censuais ou do plano de distritos postais. É outra división nova, distinta, agardamos certamente mellor, mais os problemas dos distintos barrios e distritos seguen estando aí, pese a ser escoitados e malia ser trasladados nas distintas reunións que se mantiveron por toda a cidade. 

En cuarto lugar, por como fundamentou o Goberno da Marea este proceso de elaboración dos distritos. Púxose a disposición da veciñanza, a través de convocatorias chamadas participativas en distintos puntos da cidade, planos e cuestionarios para que se completaran e cubriran co obxecto de elaborar un idea nucleada do espazo social de cada quen; de cada quen que asistía a estas convocatorias.

Isto chámase “proceso de sondaxe”, isto é compilación de información. Totalmente lóxico e lexítimo, mais non se lle pode chamar “proceso participativo”. As persoas participantes indicamos, ao noso xuízo, cal é o noso espazo social no cal consideramos que estamos incluídos, onde desenvolvemos a nosa actividade de cotío, onde facemos vida social, onde temos un contacto veciñal e de amizades e onde acudimos a servizos ou a dotacións. Cada quen temos o noso. E moitos temos moitos espazos comúns compartidos. Compilar esa información está moi ben porque dá unha idea dos fluxos sociais da nosa cidade. Pero os fluxos sociais non deben determinar políticas. Por que exista pouca demanda dun servizo non se debe considerar necesaria a súa implantación? Temos exemplos de abondo de como se xustifica o non dotar de servizos ou infraestruturas por culpa de fluxos sociais ou falta de demanda social: sanidade, educación, transporte... 

E en quinto lugar, e agora que?

Seguimos sen que se asuma o que é prioritario: a reforma do Regulamento de Participación.

A Marea Atlántica fundamentou a primeira parte do programa “99 medidas para o 99%”, co que se presentou ás eleccións municipais, na participación cidadá e na reforma dos Regulamento de Participación e o Regulamento Orgánico Municipal. Falou en campaña de “abrir as fiestras e as portas de María Pita” e de dar voz á cidadanía. E apostou, se non foi un falar, de compartir as decisións, de dar responsabilidade á veciñanza, de que se participara nos asuntos públicos e na toma de decisións; de Democracia Real.

E, sen embargo, levamos xa case dous anos de mandato sen que se avance nesa reforma.

Existe unha comisión especial específica para isto, como froito dun dos epígrafes do acordo de organización ao que chegamos as tres forzas que quixemos dar lugar a un cambio de políticas e un cambio do goberno municipal da cidade. É a Comisión Especial de Reforma do ROM e do ROPC. Reuniuse catro veces (en dous anos): unha primeira para se constituír, e dúas outras veces a petición nosa. A última reunión celebrouse en outubro de 2016.

A esta altura no BNG cremos que xa se ten perdido a oportunidade de reformar o Regulamento de Participación neste mandato. Porque non hai nin valentía nin vontade política do Goberno da Marea para asumir esa responsabilidade que a veciñanza depositou en 2015.