0 comment
Aurora Paz ViruetSecretaria de Comunicación de EU A CoruñaFebruary 192017

Que non nos rouben a vida!

 

En menos dunha década pasamos de asumir a normalidade dun salario de 1.000€/mes, a devecer por acadar os 700€/mes. Esta precariedade salarial conleva unha pobreza habitacional e enerxética nas familias, tendo que convivir dende hai anos con lamentables casos de desafiuzamentos, cortes de luz en pleno inverno e xóvenes incapaces de independizarse do domicilio familiar e comezar a súa propia vida. Sen embargo, os medios non paran de falar da “recuperación” e do inicio da “saída da crise” para aplaudir unha suposta efectividade das medidas tomadas polo Goberno do Partido Popular, baseando estas afirmacións exclusivamente no número de contratos laborais e as altas na Seguridade Social.

Os datos reais desta suposta “recuperación económica da crise” indican un panorama desolador. A Axencia Tributaria revela que uns 3,7 millóns de persoas en España subsisten con salarios inferiores a 300€/mes debido á baixa contratación por parte dos empregadores, sendo case un luxo chegar aos contratos de media xornada.

Por riba de todo, a visión que ten a sociedade destes traballadores precarios é a culpabilización, botándolles en cara a espiral desesperada na que se atopan porque “curran pouco por vagancia”, “son eles os que non queren cotizar para non pagar impostos” ou “é que aceptan calqueira cousa”. Son tres mentiras coas que a sociedade capitalista financieira do “faise rico quen máis traballa” ten envelenada a mentalidade da propia clase traballadora afectada por ela, facendo que os seus membros se enfronten entre sí.

En primeiro lugar, tras a derradeira reforma laboral imposta polo Goberno, os empregadores poden aproveitar para aforrar cartos mantendo traballadores en xornadas inferiores á media xornada. Isto fixo que, nestes últimos anos, puxéranse de moda en moitas empresas os famosos “mini-jobs”: traballos con xornadas semanais de 10, 5 ou incluso menos horas, completamente repartidos ó longo da semana e con salarios cos que é sinxelamente imposible manter unha vida  digna no noso país. Por iso, xa non é estraño ver a xente multi-empregada pero de xeito precario en todos os seus empregos, e non é raro escoitar a xente moza (e non tan moza) comentar desesperado que chega a fin de mes gracias a que ten “catro mini-jobs” con horarios dispersos que anda a volverse tolo para combinar. O sono de ter un só contrato laboral nun só emprego de 4-8 horas semanais soa completamente lonxano, pese a que fóra a norma ata non hai tantos anos.

Por outra banda, e tendo en conta a relación cotización-xubilación e as necesidades a efectos de prestacións por desemprego, raras veces un traballador está sen alta na seguridade social porque él así o desexe. Moitas empresas prefiren aforrar cartos tendo aos seus traballadores sen cotizar todas as horas, con contratos inferiores ás funcións que realmente desempregan e, pero se fora pouco, usando a escusa do traballo non-regulado para pagar as horas extra non cotizadas por debaixo do salario mínimo interprofesional.

Finalmente, a ameaza perpetua de despido absoluto e de buscar a outra persoa pende sempre sobre o traballador se non se presta a aceptar estas condicións, facéndolles aguantar o inaguantable para poderse manter mes a mes mentres encadea estériles entrevistas de traballo noutras empresas á busca dunha saída da indignidade.

Parece unha esaxeración, pero esta realidade a temos a diario nas nosas vilas e cidades. Non hai que irse a extrarradios ou barriadas de “baixa estofa”; isto está pasando, agora mesmo e coa xente do noso entorno. Todos coñecemos camareiros, dependentes, teleoperadores ou comerciais que, pese a facer a diario un esforzo visible no seu traballo, sumando horas cotizadas e non cotizadas calculan estar cobrando un total de entre 3-5€/hora e sen posibilidade de protesta ante a sombra continua do desemprego total. A falta de organización sindical nestes sectores enquista o problema, facendo que os abusos da patronal sexan o pan de cada día, e os traballadores atópanse aguantando un xeito de humillación laboral que nunca pensaran que chegarían a ter que aturar, mentres imprimen e reparten desesperanzados os seus currículums na esperanza de atopar outro traballo.

Os primeiros en lanzar un berro conxunto na nosa cidade coruñesa foron os membros do gremio do telemárketing. Empresas como Extel ou Atento demostraron a súa capacidade de organización contra a patronal, conseguindo entre difíciles negociacións coa patronal, paros laborais e multitudinarias manifestacións unha lixeira mellora das súas condicións. Pero non foi suficiente; a loita contra a precariedade laboral e os abusos empresariais debe chegar ata as institucións para facilitar a loita contra éstes, e non deixar desamparada a clase traballadora ante estas situacións.

2015 representou o cambio de paradigma, a posibilidade de conquistar enclaves institucionais que situaran no centro da axenda a mellora das condicións materiais de existencia das maiorías. Realidade esta que non escurece pese ao indignante silencio co que algúns medios de comunicacións tratan os inxentes esforzos que gobernos como o da Marea Atlántica veñen realizando para reducir a desigualdade social, por atacar os desequilibrios, por facer do público un aliado da cidadanía. Sen embargo observamos que, fronte ós grandes poderes económicos fácticos, mudar as cousas non é sempre tarefa fácil. Falsas polémicas (ás veces ata ridículas, temporais de inverno ou carteis papais mediante) para tentar de agochar o simple pero á vez complexa senda que hoxe percorremos: a travesía dunha Coruña que quere volver a mirar aos seus habitantes.

Hoxe, en medio da incerteza provocada pola irresponsabilidade e tacticismo de ese bipartido na sombra que representa o “PPSOE”, afloran dous modelos de cidade irreconciliables: esa “la coru” de propietarios e elites que reclama o lugar perdido tras máis de trinta anos, fronte a unha cidade brava, popular, que barrio a barrio, dende Monelos a Monte Alto, loita a diario para mudar e mellorar as súas vidas. 

Somos moitas as que vemos con preocupación que as reformas que tanto necesitamos poidan ser paralizadas e quedar a medio camiño da saída dos nosos pozos laborais e vitais, por simples teimas e “celitis” socialistas. Somos moitas as que precisamos, urxentemente, que nos permitan escapar da precariedade, as que sabemos que nin un día máis nos van a roubar a nosa vida.