O programa Apego comeza o curso o 1 de setembro no Centro Ágora cunha festa para familias

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Lun, 20/08/2018 - 00:10 / Etiquetas: concello da coruña, Apego

O servizo municipal de Normalización Lingüística celebra o vindeiro 1 de setembro a Festa do Apego, unha actividade dirixida tanto ás familias que forman parte deste programa como para outras que queiran sumarse a esta iniciativa de fomento da transmisión do galego. A celebración, que se desenvolverá de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas no Centro Ágora, contará con actuacións de teatro e obradoiros de música e danza.

programa Apego trata de fomentar, de maneira didáctica e lúdica, o uso do galego entre os nenos e as nenas menores de 6 anos a través de información, recursos e actividades que se celebran durante todo o ano. As familias que xa formen parte de Apego terán preferencia na inscrición á festa, que é gratuíta. Para elas, o prazo estará aberto o luns 27 de agosto para cada unha das actividades. O mércores 29, se quedaran prazas, abrirase ao público en xeral.A festa comezará ás 11.00 horas coa apertura de diferentes postos de información que estarán dispoñibles durante toda a xornada. Neles poderanse inscribir no Programa Apego aquelas persoas que aínda non forman parte del e recibir o seu agasallo de benvida. Ademais, a Biblioteca Ágora terá información para as familias, un espazo adaptado e unha exposición na propia biblioteca para coñecer todos os recursos que lles ofrecen. O posto de Alí. Recursos en galego para a Educación Infantil terá unha exposición dirixida á primeira infancia en lingua galega na que  amosan todo tipo de materiais para a crianza dos nenos e das nenas.

Durante o horario matinal haberá tamén dous pases de Zapatos --ás 11.30 e ás 12.45 horas--, unha obra de Caramuxo Teatro dirixida a crianzas de 1 a 3 anos e un obradoiro de construción de instrumentos, cantacontos e bailes con Lydia Botana, actividade dirixida a público de 3 a 6 anos que comezará as 12.00 horas e terá unha duración de hora e media.

Pola tarde, será a quenda de Baobab teatro, que representará, ás 17.00 horas, o seu espectáculo para crianzas de 1 a 3 anos Por conta delas, contos ricos con sabor a bicos. Para maiores  de 3 anos haberá á mesma hora o obradoiro de baile Na punta do pé con Pesdelán. Por último, Pakolas porá o fin de festa cun concerto dirixido a nenas e nenos de máis de 3 anos, que terá unha hora de duración e no que haberá sorteo de agasallos e máis sorpresas.Para máis información sobre as actividades, así como o xeito de inscrición, pódese consultar a páxina web do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña: www.coruna.gal/lingua