A Agadic apoia os músicos emerxentes a través da colaboración co concurso SonidosMans da Fundación Paideia

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mar, 13/03/2018 - 13:11 / Etiquetas: xunta, Mans

 

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora coa Fundación Paideia Galiza na segunda edición do concurso SonidosMans, destinado a promover o talento musical e a proporcionarlles oportunidades de difusión a solistas e bandas emerxentes.

A través da palataforma web www.sonidosmans.com, os aspirantes poden presentar os seus traballos a este certame ata o vindeiro 6 de abril, sempre que se trate de temas inéditos en letra e música e que os seus autores ou autoras non teñan distribuído nin editado con anterioridade.

Entre os presentados haberá unha selección de 50 semifinalistas, que pasarán á segunda fase do proceso. Este desenvolverase entre o 16 e o 30 de abril e del sairán, mediante votación popular, os 25 finalistas. Destes últimos, un xurado designado por cada un dos festivais colaboradores decidirá que agrupación formará parte de cada un eventos asociados este ano: O Son do Camiño (en Santiago de Compostela) Festival da Luz (en Boimorto), Revenidas (en Vilaxoán, Vilagarcía de Arousa), O Marisquiño (en Vigo), Vive Nigrán (en Nigrán), PortAmérica (en Caldas de Reis), Sinsal Son Estrella Galicia (na illa de San Simón, Redondela) e Atlantic Fest (na Illa de Arousa).

A Agadic e a Fundación Paideia continúan a cooperar deste xeito no eido da promoción musical en Galicia, mediante esta iniciativa enfocada a poñer en valor e darlle visibilidade ao talento da mocidade emprendedora no sector musical.

Nesta mesma liña conxunta enmárcanse tamén as xornadas A Música en directo: somos profesionais?, que se veñen celebrando desde o 1 de febreiro para abordar distintos aspectos que atinxen á situación laboral dos músicos en espectáculos públicos, tendo en conta especialmente a aqueles que están a comezar as súas carreiras artísticas. A vindeira e última sesión destas xornadas terá lugar o 5 de abril na sede da Fundación Paideia na Coruña baixo o epígrafe Como protexer a nosa música?