A Concellería de Emprego impulsa unha nova edición de Mercadillos Urbanos

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Vie, 31/08/2018 - 00:27 / Etiquetas: concello da coruña

A Concellería de Emprego e Economía Social retoma os Mercadillos Urbanos para a dinamización de zonas comerciais nos barrios. Unha iniciativa deseñada "para achegar o pequeno comercio tradicional á clientela", como a define o responsable do departamento, Alberto Lema. O primeiro deles celebrarase esta fin de semana, de 12.00 a 20.00 horas, na praza da Constitución, onde están programadas varias actividades complementarias para axudar na dinamización do espazo. O sábado ás 18.00 horas terá lugar un espectáculo de maxia, mentres que o domingo, á mesma hora, haberá música ao vivo. A súa celebración coincide ademais coa V Feira da Cervexa Artesá, que organiza Aceca co apoio do Concello, e que se desenvolverá na praza de Azcárraga entre a tarde o 31 de agosto e ata a noitiña do día 2.  

Como indica o concelleiro Lema, tras esta primeira parada, os mercadillos urbanos desenvolveranse en cinco áreas comerciais máis da cidade: zona Obelisco, Distrito Picasso, Monte Alto,  Conchiñas e Área Viva. Esta iniciativa, que impulsou o Goberno local en 2016 baixo o lema "Queda na casa. Compra no teu barrio", permite aos establecementos comerciais que o soliciten participar dun mercado "no que as tendas da zona teñen máis visibilidade, como amosa a experiencia de edicións anteriores nas que atraeu a un gran número de  veciños e de veciñas". Os mercadillos urbanos contan, ademais dos postos con produtos, con animación, música en directo e xogos e outras actividades infantís.

Os próximas citas do mercado son nos xardíns de Méndez Núñez (8 e 9 de setembro), na praza de Vigo (15 e 16 de setembro), no Campo da Leña (22 e 23 de setembro), na praza das Conchiñas (29 e 30 de setembro) e na praza de Pontevedra (13 e 14 de outubro).