A Concellería de Medio Ambiente abre o venres no parque de Bens a maior área canina da cidade

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Jue, 26/07/2018 - 00:46 / Etiquetas: concello da coruña, bens

 

A Concellería de Medio Ambiente porá a disposición da cidadanía o próximo venres unha nova área de esparexemento para cans, situada no parque de Bens, e que,cunha superficie dunha hectárea,“converterase na máisextensa das que existen na cidade”, como indica a edil María García. “A área de Bens é a terceira que se abre este ano, despois da de Eirís, que está en funcionamento dende finais de xuño, e o espazo de convivencia, regulado por horarios, situado no parque de Adolfo Suárez e que está dispoñible dende comezos de ano”, resume a concelleira. Unhas áreas caninas que, como salienta García, “inauguran un novo modelo para os espazos de esparexemento, no que se priman a amplitude, os valados integrados na paisaxe, a vexetación e os servizos, tanto para os animais como para as persoas que os coidan”.

A área canina de Bens, que mantén o aspecto natural do parque ao respectar os camiños e a orografía do mesmo, está pechada cun pequeno muro de pedra e arbustos ao redor, como toxos e xestas ornamentais que teñen diferentes tipos de floración. No seu interior as persoas responsables dos cans e os animais contarán con diferentes opcións para pasear ou xogar cos cans, como é unha zona de estanque ou un espazo de agility para a realización de diferentes exercicios. O espazo, que ten cinco accesos diferentes, conta con tomas de auga para que poidan beber os animais, zonas cubertas para os días de choiva e mobiliario urbano como papeleiras e bancos dentro dun ambiente natural con arborado e herba. “Este espazo, no que os cans poderán estar sen correa, permite fomentar a convivencia dentro do propio parque para os diferentes usos, para os que hai un reparto por zonas, o que permite tamén coidar a importante riqueza natural de Bens, no que habitan e aniñan diferentes especies de paxaros, e hai distintas zonas de arborado, matogueira e pradería”, apunta a concelleira. O espazo, tal e como lembra a concelleira, definiuse nun proceso participativo de renovación do parque de Bens e vén “aumentar as opcións de convivencia nunha cidade con gran densidade urbanística e que non ten moitos parques de grandes dimensións e cuxas áreas caninas, ata o momento, eran pequenas, enreixadas e áridas”.