A Concellería de Medio Ambiente avanza na licitación do servizo de recollida de lixo

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mié, 05/09/2018 - 08:00 / Etiquetas: concello da coruña

A Concellería de Medio Ambiente chegou este martes a un acordo co sindicato STL, maioritario no servizo de recollida de lixo, a respecto das aclaracións e concrecións que o goberno local incluirá nos pregos deste contrato que, na actualidade, se atopan en proceso de licitación. A titular deste departamento municipal, María García, explicou que, se ben non haberá ningún cambio no contido dos pregos, que se elaboraron tras un minucioso e novidoso proceso de consulta e achegas, si que se incluirán unha serie de aclaracións que dan resposta ás inquedanzas amosadas estes días polos integrantes desta central sindical. En concreto, o goberno local acordou unha serie de precisións sobre como se desenvolverá o proceso de verificación do cumprimento de todos os requisitos de localización das instalacións fixas que se lle requiren á nova adxudicataria do contrato. Estas verificación levaranse a cabo na fase de comprobación das ofertas técnicas, de forma que, ademais de evitar calquera tipo de atraso no proceso de licitación, quedará completamente garantido que a nave da empresa que finamente resulte adxudicataria do servizo non se localiza a máis de 20 minutos de calquera punto da Coruña (un requisito que, non obstante, xa figuraba nos pregos). Se así o quixer, unha representación do comité de empresa poderá presenciar estas verificacións.

O prego técnico do contrato de recollida e contenerización especifica que a empresa contratista debe ter unha nave fixa. Esta pode estar localizada tanto na Coruña como nun municipio limítrofe, unha concesión esta última que vén derivada da escaseza de chan industrial dentro do termo municipal que se axuste ás características demandadas para este servizo, así como ao feito de non restrinxir, por esta causa, a participación no proceso de potenciais operadoras interesadas, de forma que se favoreza á maior concorrencia posible.

O prego, na súa redacción orixinal, xa especificaba que a situación da citada nave industrial "deberá permitir que os vehículos de recollida de residuos se ubiquen en calquera punto do municipio, en horario de saída da quenda de noite, nun período de tempo inferior a 20 minutos". "Esta cláusula xa estaba presente no prego coa finalidade de evitar a perda de tempo efectivo dos e das traballadoras, así como pola necesidade de garantir a adecuada prestación do servizo coa calidade esixida nos pregos", puntualizou García, que indicou que, non obstante, e dentro do diálogo constante que o goberno local mantén cos distintos axentes sociais, a Concellería de Medio Ambiente accedeu a incluír unha serie de precisións e aclaración sobre a forma en que se levará a cabo o proceso de comprobación previsto.

Deste xeito, e en base ao acordo acadado co sindicato STL, a administración local  especificou como verificará, mediante persoal municipal, o cumprimento deste requisito. A comprobación realizarase coa participación dunha persoa condutora, así como con persoal municipal que garantirá o adecuado desenvolvemento da verificación. "Estas comprobacións poderán ser, ademais, presenciadas por un representante do comité de empresa", observou García, que reiterou que estas precisións non se traducirán nunha dilatación dos tempos de licitación, xa que se realizarán no período de valoración das ofertas técnicas.

Tras o acordo acadado hoxe, o prego especificará que durante as comprobacións se desenvolverán en datas entre luns e mércores, podendo levarse a cabo varias de forma simultánea. A verificación levarase a cabo cun vehículo camión compactador biocompartimentado (de 20 metros cúbicos), ou ben con outro de similares características segundo os requisitos establecidos no prego de condicións e en concordancia coa oferta que realice cada empresa licitadora. A proba computará o tempo de traxecto entre as instalacións propostas pola correspondente empresa licitará e a entrada á glorieta da Torre de Hércules (situada no acceso á cidade deportiva da Torre). Todas as comprobacións seguirán a mesma metodoloxía e o seu horario, de acordo co previo das previsións do prego técnico, se realizarán en horario de saída da quenda de noite.

Ademais, e entre outras consideracións, o Concello especificará que, en caso do incumprimento dalgún destes requirimentos, as empresas licitadoras serán excluídas do procedemento aberto. "Deixamos claro que o persoal do servizo de recollida non poderá levar a cabo a súa actividade en servizos ou instalacións alleas ás especificadas no contrato e que o contratista deberá cumprir as disposicións laborais en vigor, incluíndo o convenio de aplicación e mantendo as condicións laborais e sociais das persoas traballadoras", evidenciou a concelleira García.

A titular de Medio Ambiente salientou que "a capacidade de diálogo e negociación deste goberno local volveu quedar clara esta xornada, no marco, ademais, dunha licitación pioneira en Galicia e no Estado cun trámite de consulta previa recolleu un total de 170 achegas de 27 fontes distintas.