A Concellería de Mobilidade Sostible incrementa en 88 as prazas de aparcamento en dúas rúas do polígono da Grela

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Vie, 24/08/2018 - 11:09 / Etiquetas: concello da coruña

A Concellería de Mobilidade Sostible modifica o sentido de circulación de dúas rúas no polígono da Grela para crear 88 novas prazas de aparcamento e mellorar a seguridade no tránsito dos vehículos pesados. O departamento que dirixe Daniel Díaz Grandío atende así unha antiga reivindicación da asociación de empresarios da Grela, entidade coa que se consensuou a actuación. Así, as rúas Juan de la Cierva e Copérnico pasan de ter dous sentidos de circulación a ter un sentido único, co que se gaña o espazo preciso para a consolidación de 88 prazas en liña. "Con esta actuación conseguimos ampliar as prazas dispoñibles e regularizar unha situación de aparcamento fóra dos lugares habilitados que se estaba a dar de maneira recorrente, pero tamén mellora a seguridade viaria para as empresas da zona que traballan con transporte pesado e para o que é máis seguro moverse e manobrar en rúas dun único sentido", explica o titular deste departamento municipal.

Os traballos para a creación das prazas, que se farán a través do pintado horizontal das rúas e a instalación de sinalización vertical, realizaranse esta fin de semana "para evitar o impacto sobre o día a día do polígono" e non suporán afeccións ao tráfico.