A Concellería de Mobilidade Sostible renova as tarxetas de transporte público Millennium

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Jue, 30/08/2018 - 00:23 / Etiquetas: concello da coruña

A Concellería de Mobilidade Sostible comezará a expedir a próxima semana as novas tarxetas Millennium do transporte urbano, un modelo que permitirá, como indica o responsable da área, Daniel Díaz Grandío, "minimizar os erros de lectura nas tarxetas". O edil explica que o actual modelo de cartóns presenta problemas frecuentes na conexión entre o chip e a antena que permite pagar mediante contacto nas canceladoras dos autobuses urbanos o cal provoca "erros nas lecturas, coa conseguinte perda de axilidade no pago e polo tanto a baixada da velocidade comercial dos autobuses, e un elevado número de substitucións da tarxeta". Ante esta situación, Mobilidade Sostible comeza a introducir un novo modelo, que "no seu exterior é practicamente similar ao anterior --só ten o chip máis pequeno-- pero que ten unha nova estrutura interna".

A nova remesa de tarxetas Millennium presenta unha nova arquitectura tanto na placa de contactos como na conexión entre o chip e a antena que a fai máis resistente ao uso e, polo tanto, máis durable. Como resalta Díaz Grandío, esta modificación "permitirá reducir o número de tarxetas que se cambian cada ano por mal funcionamento". Durante 2017, a Concellería de Mobilidade Sostible substituíu 14.509 cartóns por problemas no seu uso, mentres que, no que vai de ano, as reposicións ascenden a 8.961. Actualmente, hai 205.000 tarxetas Millennium activas.

"Esta nova tarxeta permítenos tamén abordar unha das cuestións que lastran a velocidade comercial dos autobuses, como son erros de lectura nas Millennium. Outro dos problemas que aumentan o tempo de parada dos buses son os pagos en efectivos, para o que estamos a traballar en dúas direccións: a introdución de novas tarifas, unha de carácter gratuíto para menores de 13 anos e outras reducidas para menores de 26 e maiores de 65 e a innovación nos métodos de pago". Sobre esta última cuestión, Díaz Grandío lembrou que o Goberno local adxudicou este verán a creación dunha aplicación que permita abonar as tarifas do bus a través do teléfono móbil, unha proposta que se recolleu dos Orzamentos Participativos, e que amplíe as opcións de recarga da tarxeta Millennium.