A Concellería de Participación convoca unha nova xuntanza do Co-Lab para definir de maneira colectiva as súas liñas de traballo para o próximo curso

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Lun, 03/09/2018 - 00:25 / Etiquetas: concello da coruña

A Concellería de Participación e Innovación Democrática organiza un encontro para o sábado 8 de setembro aberto a todas as persoas interesadas en participar, colaborar ou propoñer accións para a seguinte fase do Co-Lab, que comezará nos próximos meses. A xuntanza, que está convocada para as 11.00 horas do día 8 no Espazo de Iniciativas Xuvenís (EIX) da rúa Matadoiro, busca definir de maneira colectiva os retos e liñas de traballo para os proxectos que abordará o Co-Lab na súa próxima edición. Os temas propostos e abordados durante este encontro servirán de guía á hora de definir os proxectos que serán desenvolvidos no Laboratorio Cidadán da Coruña.

Como indica a responsable da Concellería de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, este evento "está aberto a todas as persoas que teñan interese en colaborar, contribuír e participar no Co-Lab e no que todas as opinións e ideas son benvidas". "Queremos manter a marcha e consolidar un proxecto que ten como obxectivo dotar á cidadanía de capacidade e recursos para resolver os problemas de diversa índole que atopan na súa contorna. E o Co-Lab é ese espazo aberto no que toda a cidadanía pode formar parte do de transformación da cidade a través do proxectos que pon en marcha", apunta Delso, que anima á veciñanza a achegarse a esta convocatoria.

O Laboratorio Cidadán da Coruña "é especialmente relevante porque nos permite construír de xeito colectivo, incorporando as intelixencias da cidadanía e dos colectivos aos procesos da administración, que se converten así en máis horizontais". O Co-Lab desenvolveu ata o momento seis proxectos: Gabinete de imaxinación política, Soidade, Oasis Monte Alto, Particip-Agra, Co urbanismo nos talóns e Cousateca.