A Concellería de Xustiza Social pon en marcha unha nova edición do programa ‘Cóxegas’

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Sáb, 26/05/2018 - 00:51 / Etiquetas: concello da coruña, Coxega

 

A Concellería de Xustiza Social e Coidados propón para o vindeiro mes de xuño unha nova edición do programa de conciliación Cóxegas, iniciativa posta en marcha polo executivo municipal no curso 2016-2017 en colaboración coa Federación de ANPA de centros públicos da cidade. Máis de 320 nenas e nenos de distintos centros de educación infantil e primaria públicos da cidade participarán nunha nova edición dunha proposta que ofrece actividades lúdicas e axeitadas a cada grupo de idade nun entorno seguro. “ Cóxegas nace como resposta á demandas das familias dos CEIP da cidade e dá un paso máis no camiño da conciliación, á vez que favorece o desenvolvemento cognitivo, psicomotor ou afectivo-social das nenas e dos nenos a través do xogo”, afirma a concelleira Silvia Cameán. Tal e como salienta a edil, a continuidade deste programa en períodos nos que as ANPA non desenvolven actividades extraescolares “referenda ademais a aposta do goberno local por favorecer e garantir a conciliación entre a vida laboral e familiar da veciñanza até o final do curso escolar”.

As actividades desenvolveranse entre o 1 e o 21 de xuño, de luns a venres en horario de 16.00 a 18.00 horas, baixo o lema Crea a túa propia aventura. Sucederanse propostas vinculadas aos xogos e o deporte, á animación teatral ou á expresión plástica, entre outras, baixo un enfoque integrador. Así, as nenas e nenos serán protagonistas mediante a creación, en común, dunha aventura virtual ao longo das tres semanas de duración do programa, que se pechará cunha actividade final aberta ás familias. “De novo o goberno da Coruña aposta pola educación como ferramenta fundamental para a integración da súa veciñanza”, destaca Cameán, quen lembra a creación doutras iniciativas desde a súa área, encamiñadas a ofrecer novas actividades lúdico-educativas nos centros escolares, “como as que nacen a partires do programa Ao meu xeito, dirixidas á posta en marcha de actividades que solventen necesidades reais do alumnado e cuxa última convocatoria estará vixente até o 31 de maio”.