A Concellería de Xustiza Social realizou obras de mellora e mantemento en 21 centros escolares do cidade

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Vie, 31/08/2018 - 00:40 / Etiquetas: concello da coruña

A Concellería de Xustiza Social e Coidados acometeu durante o período estival arranxos e obras de mantemento en 21 centros escolares da cidade, "que comezarán o curso en boas condicións". "Como este Goberno local leva demostrando dende o comezo do mandato, é a nosa vontade investir nos centros escolares do municipio para garantir que a educación pública conte cunhas instalacións de calidade que permitan as nenas e aos nenos desenvolver a súa actividade e recibir a súa formación nun espazo adecuado", afirma a responsable do departamento, Silvia Cameán. En total, realizáronse 120 actuacións, das que seis delas, debido á súa envergadura, non se levaron a cabo dentro do contrato de mantemento.

Durante os meses de verán, acometéronse grandes melloras tanto en escolas infantís municipais (EIM) como en centros de educación Infantil e de Primaria (CEIP). Na EIM Os Cativos reparouse o  muro de peche, mentres que na dos Rosais se arranxaron as fisuras que presentaban as aulas. "O Concello asumiu de novo este verán obras que escapan da nosa competencia, como é o caso de substitución de cubertas, desta volta no CEIP María Barbeito, como xa se fixera o pasado ano no centro Emilia Pardo Bazán, unha actuación na que se investiron 150.000 euros", explica Cameán. Entre as obras de maior envergadura, a concelleira salienta tamén a reparación de filtracións na fachada leste do CEIP Eusebio da Garda e o arranxo e pintado das fachadas do edificio histórico do CEIP Labaca. "A educación é unha competencia das administracións autonómica e estatal, sobre a que non temos moitos espazos para actuar, pero na que aproveitamos todas as nosas oportunidades para construír unha escola pública de calidade, con centros adecuados e abertos, nos que se creen espazos para a participación", indicou Cameán. Neste sentido, a edil lembrou a "aposta histórica" que mantén o actual Goberno local "para o arranxo e mantemento dos centros escolares, nos que se investiron máis de 2 millóns de euros que, en moitos casos, viñeron a poñer punto e fin a problemas acumulados debido a anos de desleixo no seu coidado".

As restantes accións de mantemento asumidas pola concellería, que atenden en moitos dos casos a problemas e eivas detectados polos equipos de dirección dos centros escolares, realizáronse nos centros Alborada, Manuel Murguía, María Barbeito, María Pita, Nosa Señora do Rosario, Aneja, Rosalía de Castro, Anxo da Guarda, Sagrada Familia, Sal Lence, Salgado Torres, San Francisco Xavier, Sanjurjo de Carricarte, Víctor López Seoane, Zalaeta, Curros Enríquez, Emilia Pardo Bazán, Eusebio da Garda, Juan Fernández Latorre e Labaca.

Como destaca a concelleira, nestes meses de verán o Concello tamén abordou a renovación e adecuación á normativa das áreas de xogo de 23 centros de ensino infantil e de primaria, que terán o próximo curso pavimentos amortiguadores máis espesos, valados de seguridade adecuados, novas papeleiras e uns elementos para os xogos "reordenados con criterios de seguridade e con espazos mínimos adecuados, reparados, pintados e algúns completamente novos". Unha actuación que conta cun investimento de 224.557,35 euros.