A Coruña acolle esta fin de semana o festival multidisciplinar ‘Street Stunts’

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mar, 17/07/2018 - 05:00 / Etiquetas: concello da coruña, Street Stunts

 

A Coruña acollerá entre o 20 e o 22 de xullo, por primeira vez na cidade, o festival de cultura urbana multidisciplinar Street Stunts Body Extreme . O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, e a xerenta do Consorcio de Turismo, Lanzada Calatayud, participaron esta mañá na presentación da iniciativa, que se celebrará no Paseo do Parrote esta fin de semana e cuxas instalacións e estruturas para a práctica de parkour , street workout ou psicoblock ocuparán máis de 30.000 metros cadrados. O evento, no que participarán máis de 500 deportistas, ofrecerá distintas competicións deportivas, obradoiros, exhibicións e concertos abertos á cidadanía.

O concelleiro salientou a capacidade de Street Stunts “de fundir, de maneira rica e plural, disciplinas innovadoras, á vez que entronca coa práctica do deporte desde un punto de vista saudable no ámbito urbano”. A este respecto, destacou a importancia da “conquista do espazo público” de cara a reforzar “a aprendizaxe e o coñecemento” na cidade. “Non sempre é fácil estimular a curiosidade, pero a realización desta proposta no centro da cidade permite que a cidadanía coñeza e descubra de primeira man o que se está a facer desde diversas disciplinas innovadoras vinculadas á cultura e ao deporte urbano”, sinalou Sande. A este respecto, o edil salientou a dobre dimensión turística do evento, “que tamén se dirixe á propia veciñanza da Coruña”. “Estamos a presentar unha proposta que ten dúas vertentes. Este festival vai máis aló da súa proxección turística ou de atraer visitantes: chama á participación da propia veciñanza nun espazo emblemático como é a Mariña”, apuntou.

Pola súa banda, Lanzada Calatayud destacou que a aposta celebración de Street Stunts na Coruña “entronca coas liñas estratéxicas do Plan Estratéxico de Turismo (PET), que contempla o fomento da actividade vinculada ás competicións deportivas”. “Desde Turismo queremos dar prioridade a aquelas iniciativas que aposten pola Coruña como unha cidade para vivir, unha cidade saudable e na que se dan cita propostas innovadoras, como é este evento, que agora vinculamos tamén ao estilo de vida atlántico”, apuntou a xerenta do Consorcio durante a presentación, na que tamén participaron os directores do evento, Alberto Badía e Finuco Martínez; e a responsable de mercadotecnia de Hijos de Rivera --empresa patrocinadora do evento--, Mónica Vizcaíno.

Street Stunts Body Extreme desenvolverase ao longo de tres xornadas, en horario de mañá, tarde e noite. Entre as novidades da edición coruñesa, destaca a incorporación da disciplina deportiva psicoblock , unha das variantes máis novas e espectaculares da escalada deportiva extrema. Nesta modalidade participarán deportistas internacionais como a francesa Melissa Neveille ou o estadounidense Chris Sharma. Ambos ascenderán sen corda por unha parede de 14 de metros situada no Parrote. Outra das propostas innovadoras do festival será o desenvolvemento do Campionato de Europa de Tricking, deporte que combina saltos, xiros e patadas doutras disciplinas.

En paralelo ás competicións, desenvolveranse clases maxistrais e obradoiros para todos os públicos, que se poden consultar a través do web www.streetstunts.es . Tamén haberá unha zona especial de gastronomía e ofreceranse distintos concertos, nos que participarán bandas como Bala, Biznaga, Wöyza, Texxcoco, DL Blando, Flaca ou Judah.