A Coruña acolle esta fin de semana os campionatos de España de tríatlon

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mié, 29/08/2018 - 00:20 / Etiquetas: concello da coruña

A cidade da Coruña acolle esta fin de semana o Campionato de España de Tríatlon, que celebrará as probas masculina e feminina de elite, de paratríatlon e por grupos de idade. O concelleiro de Emprego e Economía Social e presidente do Consorcio de Turismo, Alberto Lema, participou esta mañá na presentación do campionato que, segundo salientou, descobre "as posibilidade da Coruña para acoller probas vinculadas ao náutico, ao terrestre ou combinadas". "É un dos potenciais que queremos aproveitar porque hai poucas cidades que teñan este carácter anfibio e que permitan que deportes dunha natureza tan espectacular e esixentes como o tríatlon atopen un escenario urbano", afirmou Lema, quen lembrou que a consolidación da Coruña como circuíto deportivo urbano ao aire libre é unha das liñas estratéxicas do Plan de Turismo da cidade.

A competición celebrarase en dous días. O sábado 1 terán lugar as probas elite das categorías feminina (ás 16.40 horas) e masculina (ás 19.10 horas) que se realizarán con distancias olímpicas (1.500 metros de natación, 40 quilómetros de ciclismo e 10 quilómetros de carreira a pé), mentres que o domingo se disputarán o campionato de España por grupos de idades (09.00 horas), que saen en quendas de cada cinco anos, e as probas de paratriatlón (12.30 horas), nas súas diferentes categorías. O director de competicións da Federación Española de Triatlón, Jorge García, que participou tamén na presentación xunto ao vogal da Federación Galega Francisco Villanueva, destacou a alta participación de deportistas nas probas de elite, nas que tomarán a saída 71 mulleres e 100 homes. "La competición femenina es un éxito rotundo. Y la élite masculina va a estar llena, con 100 deportistas y 26 en espera que tendrán que pasar a la competición de grupos de edad, lo que quiere decir que el espectáculo deportivo está asegurado", explicou. Villanueva, que resaltou o nivel da competición, indicou que participarán "prácticamente los mejores" nunha proba que se disputa quince días antes da final do campionato do mundo o que "impide" a algúns deportistas do máis alto nivel tomar parte da mesma. García, quen agradeceu ao Goberno local ter facilitado a celebración das probas e "haber trabajado conjuntamente para poder albergar el campeonato", fixo tamén un "llamamiento al público para que venga a disfrutar, lo que en muy pocos sitios se puede ver como en A Coruña". Neste sentido, García salientou o feito de que a competición se poida levar a cabo no eixo central da cidade, con pasos e meta na praza de María Pita, seguindo o modelo das series mundiais e Xogos Olímpicos, o que asegura que "no solo los deportistas disfruten porque van a sentir el calor del público, sino que el público va a ver un gran espectáculo deportivo".

O responsable de Turismo da cidade afondou neste sentido ao destacar que a retransmisión do evento resalta "un perfil fotoxénico" da cidade. "A proba de natación terá lugar no Parrote, zona recentemente remodelada e que estamos convertendo en sede para multitude de eventos, e a carreira a pé e ciclista pasarán por diante dos Cantóns, da cidade de cristal e dos xardíns de Méndez Núñez para  seguir pola avenida do Exército", explicou. Así, recalcou que, dende o punto de vista de impacto, difusión e coñecemento da cidade, este Campionato de España de Tríatlon "é un evento que nos resulta moi atractivo e pertinente", así como dende punto de vista do retorno económico. Lema salientou que nas probas participan 650 persoas "que van estar aloxadas nos nosos hoteis, e que aseguran unha alta ocupación e retorno indirecto" e que son tamén "unha oportunidade para dar a coñecer a cidade diante deste público especializado".

Circuítos

O circuíto para as probas do sábado estará disposto ao longo da fachada portuaria da cidade. A parte de ciclismo discorrerá pola avenida do Exército, dende a glorieta coa Rolda de Outeiro, ata a praza de Mina, mentres que a carreira a pé comezará na dita praza ata María Pita. A parte de nado, en todas as probas, se levará a cabo no Parrote. O sábado está previsto o restablecemento do tráfico rodado a partir das 20.40 horas. As probas do domingo iniciaranse cos grupos de idade, que seguirán para a bicicleta un circuíto entre a Mariña e a avenida da Pasaxe e para a carreira a pé dende María Pita, polo Parrote e o Paseo Marítimo ata Julio Portela Ceballos. No caso da proba para os e as paratriatletas, o tramo de ciclismo estará marcado entre a Palloza e a Mariña mentres que a carreira a pé discorrerá entre María Pita e o Oceanográfico. O restablecemento do tráfico de vehículos está previsto a partir das 13.50 horas.