A Coruña celebrará co novo Festival SAL “a oferta gastronómica da cidade e a calidade dos seus produtos”

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Vie, 20/04/2018 - 15:43 / Etiquetas: concello da coruña, Festival SAL

 

A Coruña contará desde este ano cun novo encontro para resaltar a gastronomía atlántica da cidade. O Concello impulsa, a través do Consorcio de Turismo, o Festival SAL Sabores Atlánticos, que se celebrará entre o 15 e o 17 de xuño na explanada do Parrote. O evento contará con exhibicións de cociña, obradoiros, degustacións, zona de camións de comida ou actividades infantís, entre outras moitas. O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, que preside tamén o Consorcio, destacou “que este festival é un paso máis para converter A Coruña no gran referente turístico gastronómico de Galicia e do noroeste da Península”. “A oferta gastronómica da cidade é un dos nosos máis fortes reclamos, non só pola calidade da nosa cociña senón tamén pola dos nosos produtos, pos iso este evento servirá tamén para destacar o sector produtivo”, indicou Lema. Deste xeito, o festival servirá “para a posta en valor da cociña atlántica, tanto na súa vinculación ao mar como dos produtos da horta, a través da reinvindicación da forza e o futuro das actividades pesqueiras e do rural galego, así como as novas formas de agricultura, gandeiría, pesca e produción acuícola sostible”.

Tal e como explica o concelleiro, “a restauración da Coruña terá un papel relevante no festival para expoñer a actual cociña da cidade, na que se dá cabida tanto á tradición como aos novos formatos e que reivindiquen a nosa gastronomía atlática de carácter único”. Neste sentido, a xerente do Consorcio, Lanzada Calatayud, indica que este evento “tamén responde a unha demanda histórica do sector gastronómico da cidade”. Os locais de restauración da Coruña e as food trucks de ámbito galego que queiran participar no evento poden inscribirse dende hoxe de maneira gratuira no web www.festivalsal.es ata o 11 de maio. Os postos asignaranse tendo en conta tanto a orde de solicitude como a proposta. Seleccionaranse un máximo de 18 puntos de venda e cinco food trucks. “Este festival vén a completar os eventos gastronómicos da cidade, algúns de impulso municipal como o Boucatise, as xornadas Lacónicas ou Tapas Picadillo ou outros que acollemos e cos que colaboramos como o Fórum Gastronómico, o Bo en boca ou o Sherry Festival, que non só atraen a un destacado número de visitantes senón que serven para aportar dinamismo ao sector”, incidiu Lema. O festival contará co apoio do colectivo Coruña Cociña e de marcas como Estrella Galicia, 1906 e Magma de Cabreiroá.

O Festival SAL Sabores Atlánticos contará con produtores e produtoras, cociñeiros e cociñeiros máis recoñecidos da rexión atlántica, así como un amplo abano de actividades que permitirán descubrir a riqueza e singularidade da nosa gastronomía. Están previstas degustacións, catas e exhibicións de cociña e cargo de profesionais de primeira liña e Estrellas Michelin, pero tamén outras actividades que permitirán coñecer máis de cerca a cociña atlántica como obradoiros e charlas. O programa, que se presentará en vindeiras datas, completarase con actividades para os nenos e as nenas, un espazo para produtores, zona de food trucks e concertos.