A Deputación achega 52.000 euros para instalación de seis puntos de recollida de residuos soterrados na Rúa San Andrés da Coruña

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Jue, 31/05/2018 - 00:15 / Etiquetas: Diputación da Coruña, San Andrés

 

O deputado e responsábel da área de Cooperación cos concellos, Xosé Regueira, e o alcalde do Concello da Coruña, Xulio Ferreiro, asinaron este mércores un convenio de colaboración polo que se acorda o financiamento da instalación de seis puntos de aportación de residuos urbanos soterrados na Rúa San Andrés da Coruña.

A Deputación da Coruña achegará unha partida de 52.044 euros para acometer unhas obras cuxo orzamento total ascende até os 65.056 euros, e coas que o casco vello da Coruña verá reforzada en 22 metros cúbicos a súa capacidade de recollida de residuos.

O proxecto, contempla a instalación de dúas illas de contenedores soterrados na zona próxima á Rúa Estreita de San Andrés, incluíndo un sistema integrado por catro contenedores destinados á recollida de residuos inorgánicos de 4.000 litros de capacidade, e outros dous elementos destinados aos de tipo orgánico, de 3.000 litros.

Con esta actuación, da que se beneficiarán de xeito directo preto de 5.000 veciños e veciñas da Coruña, a Deputación contribúe a mellorar funcional e esteticamente unha das zonas máis emblemáticas da cidade, pois, ademais de facer desaparecer da superficie os contenedores tamén se eliminará a emisión de malos olores.

Os puntos de recollida de residuos instalaranse na marxe esquerda da rúa San Andrés, a altura do número 31, e á altura da rúa Torreiro.

No referente a implantación dos equipos soterrados para a recollida dos residuos urbanos, estes contarán con prefabricado de formigón, un esqueleto metálico para suxeitar o contedor e un compartimento metálico tipo buzón para depósito dos residuos e tapa de superficie con acabado antiescorregante. Este elemento será o único visible ao nivel da rúa.

Os contedores que están proxectados terán unhas capacidades de 3 e 4 metros cúbicos e contarán cun sistema de elevación de dobre gancho de cara a para poder ser elevados utilizando os camións grúa que se encargan de realizar a recollida de residuos no Concello da Coruña.