A Deputación aposta pola inclusión

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Vie, 16/03/2018 - 00:18 / Etiquetas: Diputación da Coruña, APEM, Inclusión

 

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou esta mañá unha visita institucional á sede da Asociación Pro Enfermos Mentais (APEM) da Coruña, onde supervisou as diferentes actividades e servizos que esta entidade ofrece a preto dun centenar de usuarios dos municipios da área coruñesa.

Acompañado pola presidenta de APEM, Antonia Pérez Amieiro, e por membros da directiva da asociación, González Formoso percorreu as instalacións do centro, que conta cunha aula de informática, servizo de información e orientación para as familias, actividades de rehabilitación psicosocial e de inserción laboral para as persoas con enfermidades mentais.

Formoso destacou “a longa traxectoria de colaboración” entre a Deputación e APEM, “unha entidade exemplar, con 37 anos de historia na loita pola inclusión social e laboral das persoas con enfermidades mentais” que desenvolve a súa labor nas comarcas da Coruña, Betanzos, Bergantiños e Soneira-Fisterra e comprometeu que a institución provincial “seguirá apoiando as súas iniciativas”.

O ano pasado, a institución provincial financiou con 17.500 euros a área de rehabilitación do CRPL da praza dos Chopos e con 14.000 € o equipamento dunha vivenda alternativa, ademais de destinar 85.000 euros á ampliación do centro Kerámicos, onde a entidade xestiona un obradoiro de olería e cerámica que ocupa a 25 persoas e no que se producen diferentes pezas artísticas.

Valentín González e Antonia Pérez visitaron tamén o centro Kerámicos, na rúa da Igrexa, onde o presidente coñeceu os detalles das obras financiadas pola Deputación no centro e a actividade que alí se desenvolve.

Formoso anunciou a adquisición de 400 pezas de cerámica realizadas no centro, que levarán o logo da Deputación e serán empregadas como regalo institucional, ao mesmo tempo que contribúen a un labor social