A Deputación conecta a emprendedores da provincia coa Comisión Europea e a Universidade de Stanford

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mié, 07/03/2018 - 16:48 / Etiquetas: Diputación da Coruña, Startup Café

 

A Deputación da Coruña organizou esta mañá o evento “Entrepreneurs Startup Café”, que reuniu a 30 emprendedores e emprendedoras da provincia para amosarlles os diferentes recursos que a institución provincial pon á súa disposición e fomentar os contactos e a creación de sinerxías.

O evento enmárcase na Startup Europe Week (#SEW18), un acontecemento impulsado pola Comisión Europea para fortalecer o ecosistema emprendedor no ámbito local no que participan máis de 300 cidades. A Deputación decidiu orientar o acto tamén á posta en valor das mulleres emprendedoras, con motivo do Día Internacional da Muller, polo que catro empresarias da provincia foron as protagonistas.

Nun formato novidoso de “world café”, os participantes tiveron ocasión de falar, vía videoconferencia, con Isidro Laso, director de Startup Europe na Comisión Europea, que foi o encargado de presentar esta semana internacional do emprendemento e os obxectivos a nivel comunitario para impulsar as novas iniciativas empresariais de maneira deslocalizada, con especial incidencia nas zonas máis rurais.

Tamén houbo unha conexión co Doutor Antonio Hyder, investigador na Universidade de Stanford e director de investigación científica en Hackers & Founders (Palo Alto, EE.UU.). O experto en empresas e tecnoloxía, de orixe betanceiro, explicou diversas técnicas e consellos para emprender, baseados nos seus estudios científicos nos campos do márketing e o desenvolvemento de negocios.

Axudas provinciais para crear emprego e novas empresas

O deputado de Promoción Económica e Emprego, José Luis García, foi o encargado de presentar os instrumentos que a Deputación da Coruña pon a disposición dos empresarios da provincia, entre os que destacan as axudas do Plan de Emprego Local (PEL) que veñen de ser convocadas recentemente.

A institución provincial distribuirá este ano un total de 4,28 millóns de euros, a través das liñas PEL PEMES e PEL EMPRENDE, destinadas a incentivar a contratación en pequenas e medianas empresas e a impulsar as novas iniciativas empresariais da provincia, respectivamente.

“Este programa de axudas convócase por segundo ano consecutivo, tras o éxito da convocatoria anterior que contou cunha gran acollida entre as empresas da provincia, cumprindo os obxectivos de impulsar o emprego de calidade nos concellos coruñeses e dinamizar o tecido socioeconómico local”, explicou José Luis García e lembrou que “no 2017, as axudas do PEL permitiron a creación e mantemento de preto de 1.000 empregos na provincia”.

A liña PEL PEMES bonifica o 75% dos custos salariais das novas contratacións en empresas da provincia durante un ano, e ata un 50% para manter ao traballador contratado durante un segundo ano.

Por outra banda, a través de PEL EMPRENDE, a institución provincial concede ata 23.000 euros para a compra de materiais e a realización de investimentos que impulsen novas iniciativas con menos de cinco anos de vida.

O deputado resolveu ás dúbidas planteadas polos participantes e animou a todos os empresarios da provincia a facer as súas suxerencias para seguir adaptando o plan co obxectivo de que “sexa o máis útil posible para os seus beneficiarios”.

Exemplos de iniciativas empresariais exitosas impulsadas por coruñesas

A Deputación convidou a catro empresarias da provincia para que presentasen as súas iniciativas empresariais e contasen a súa experiencia creando os seus negocios na provincia, ofrecendo consellos e recomendacións aos participantes no Entrepreneurs Startup Café.

María Hermo, cofundadora de Galejobs, explicou a importancia de detectar os nichos de mercado que existen a nivel local. A súa empresa ofrece un portal de emprego gratuíto e unha consultoría de recursos humanos, e xa recibiu varios galardóns coma o Premio á Iniciativa Emprendedora convocado por ABANCA e a Confederación de Empresarios da Coruña e o Premios Paraugas de Comunicación e Márketing de RSE creado polo Clúster de Comunicación Gráfica de Galicia.

Pola súa banda, Victoria Mariño, cofundadora da consultoría Gálica, centrou a súa intervención na figura das cooperativas e a súa utilidade para crear negocios máis aló do sector agropecuario. Gálica foi formada fai un ano por tres emprendedoras e a súa actividade céntrase en proxectos de mellora da competitividade e xestión de procesos e formación para empresas e entidades locais.

A xornalista Isabel Caamaño compartiu a súa experiencia, reorientando a súa carreira profesional desde o traballo nos medios ata a consolidación da firma de moda Mr. Ce, que comercializa bolsos en Xapón, Suíza, Italia, Francia, Grecia, Bélxica e España.

Así mesmo, Noemí Bellas, CEO e fundadora de Líbolis, escuela de valientes, explicou a importancia de fomentar nos nenos e nenas as habilidades emprendedoras máis demandadas polas empresas á hora de contratar. Na súa escola, situada na Coruña, ofrecen cursos para nenos e mozos sobre creatividade, traballo en equipo, comunicación, e outras competencias profesionais demandadas en todos os sectores laborais