A Deputación da Coruña apoia a iniciativa “Acampa pola paz e o dereito ao refuxio”

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Vie, 15/06/2018 - 09:21 / Etiquetas: Diputación da Coruña, Acampa

 

A Deputación da Coruña apoia a iniciativa “Acampa pola paz e o dereito a refuxio”, que dende este xoves e ata o vindeiro sábado día 16 permitirá que os coruñeses e coruñesas se acheguen a un drama que viven millóns de persoas refuxiadas en todo o mundo.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, xunto ao deputado provincial e alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o reitor da UDC, Julio Abalde, inauguraron este xoves un campo de refuxiados simbólico nos xardíns de Méndez Núñez co obxectivo de escenificar o drama que viven millóns de persoas refuxiadas en todo o mundo e, tamén, denunciar a inacción dos estados e os organismos internacionais ante esta problemática.

Neste sentido, González Formoso destacou a “importancia desta iniciativa de sensibilización, que nos conciencia da importancia do traballo levado a cabo por ONG’s e organizacións sociais a prol dos dereitos humanos nas zonas de conflito, dando a coñecer como é realmente un campo de refuxiados e as circunstancias que os ocasionan”.

Nesta liña, Julio Abalde destacou a importancia de que se leven a cabo “iniciativas simbólicas e activas como a de Acampa de cara a que sirvan como substrato de presión para que os dirixentes políticos españois e europeos tomen decisións valentes e comprometidas no dereito ao refuxio”.

Este ano, Acampa céntrase no dereito ao refuxio por cambio climático, unha cuestión de carácter global que, segundo as previsións da ONU, vai afectar a millóns de persoas no mundo nas vindeiras décadas.

Incidindo neste aspectoo, o deputado provincial Bernardo Fernández falou das “dúas vertentes” da temática central de Acampa: “Por un lado, estas iniciativas teñen que servir para facer a presión social e política de cara a que os distintos gobernos lexislen en materia medioambiental para frear o cambio climático e as súas consecuencias. Por outro, para combater con esa corrente ‘negacionista’ que nega aquilo que é unha evidencia e que son as consecuencias desastrosas que está deixando o cambio climático e que, segundo a ONU, xerará ao longo dos vindeiros anos máis de 1.000 millóns de desprazados”.

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro destacou a importancia de iniciativas como Acampa para “loitar fronte a indiferenza do mundo. A obriga das Administracións é estar aquí hoxe e poñer por diante a vida e a dignidade das persoas que se ven obrigadas a abondar os seus fogares porque son expulsadas. Acampa xurdiu na Coruña e iso non é unha casualidade, iso amosa a solidariedade dos coruñeses e coruñesas. A nosa é unha cidade sempre aberta, un porto de chegada e de acollida e iso é grazas aos seus cidadáns”.

Máis de media ducia de mostras fotográficas

Nesta segunda edición, Acampa fai fincapé nas persoas que se ven na obriga de desprazarse do seu lugar de orixe a causa do cambio climático. A través de visitas guiadas polo campo, encontros, debates, conferencias, obradoiros e proxeccións de documentais tratarase de dar unha visión real dun problema que durante as próximas tres décadas afectarán a entre 250 e 1.000 millóns de persoas.

Organizacións humanitarias, xornalistas, afectados e fotógrafos debuxarán as crises humanitarias que se desenvolven no sur de Europa, África ou Asia por razóns medioambientais, conflitos bélicos, falta de recursos ou motivos raciais.

Entre as actividades destacan máis de media ducia de mostras fotográficas, que terán como escenarios o Kiosko Alfonso, a sala de exposicións Salvador de Madariaga (Durán Loriga) e máis os Cantóns-Obelisco (ao aire libre), que achegarán á cidadanía o drama que viven os refuxiados e máis a propia natureza por mor do cambio climático.