A Deputación da Coruña destina case tres millóns de euros ao Concello de Cambre a través do Plan Único

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Jue, 28/06/2018 - 00:49 / Etiquetas: Diputación da Coruña

 

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, visitou o concello de Cambre para coñecer o estado de execución do novo Centro Cultural que está previsto inaugurar o vindeiro ano. A Deputación da Coruña achega 260.000 euros a través do Plan Único que destina ao Concello de Cambre arredor de tres millóns de euros.

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, visitou o concello de Cambre para coñecer o proxecto do Centro Cultural que se está a construír co apoio da Deputación da Coruña e que conta cun orzamento total de 1.350.000 €.

"O Plan Único, como se mostra neste caso, está a reverter tamén en melloras de infraestruturas culturais co que significará un incremento na promoción, difusión e democratización da cultura que, para nós, é un dereito de toda a veciñanza", sinalou Goretti Sanmartín na súa visita na que se reuniu co alcalde Óscar García Patiño, o responsábel da área de Cultura do Concello, Daniel Carballada e outros membros dos grupos municipais con representación na corporación.

Na xuntanza, que se desenvolveu nas dependencias do Concello, o alcalde Óscar García Patiño destacou que o Centro Cultural que prevé inaugurar ao longo do ano vindeiro "supón dar resposta a unha demanda histórica do concello desde hai máis de trinta anos e que foi a primeira solicitude de veciños e veciñas na elaboración dos orzamentos participativos". O alcalde agradeceu a colaboración da Deputación da Coruña no proxecto que suporá, segundo dixo, un cambio radical no centro de Cambre. Ademais, o novo equipamento suporá unha ampliación dos espazos do Centro de Saúde ao trasladar a biblioteca que se atopa no primeiro piso e transferir as instalacións á Xunta para o seu uso con fins sanitarios o que reverterá nunha importante mellora dos servizos do Concello.

O arquitecto do proxecto, Emilio Cortés, explicou que o novo equipamento estará dotado de auditorio e sala de exposicións e biblioteca con arquivo, con dous espazos diferenciados no primeiro e segundo andar con entradas independentes.

"Desde a Deputación da Coruña comprácenos apoiar un proxecto que significa un cambio importante para un concello e as persoas que o habitan como é esta iniciativa para a que Cambre destina fondos do Plan Único e que suporá un incremento no acceso á cultura co auditorio e a biblioteca especialmente mais tamén unha mellora das instalacións do Centro de Saúde", destacou Goretti Sanmartín despois da visita ao terreo en que se están a facer as prospeccións arqueolóxicas previas ao inicio da construción.

Goretti Sanmartín Rei defendeu o incremento de autonomía dos concellos desde a aprobación do Plan Único da Deputación da Coruña que supón unha maior liberdade á hora de decidir o destino dos fondos públicos.