A Deputación da Coruña e a Academia Galega do Audiovisual avalían conxuntamente a política e as iniciativas de apoio ao audiovisual galego

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Jue, 03/05/2018 - 00:33 / Etiquetas: deputación

 

O Programa Visións da Rede Cultural, o apoio aos festivais do sector audiovisual e a nova liña de apoio á distribución e exhibición de contidos en lingua galega son algunhas das iniciativas que este mércores centraron a xuntanza entre a vicepresidenta e responsábel das áreas de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña e o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares.

Na xuntanza, que se desenvolveu na mañá deste mércores, avaliáronse as distintas iniciativas impulsadas desde a área de Cultura da Deputación da Coruña e solicitouse da Academia Galega do Audiovisual contraste e opinión informada sobre os diferentes programas postos en marcha, co obxectivo de poder desenvolver unha avaliación cualititativa destes por parte de persoas e entidades representativas do sector.

Entre outras iniciativas, a área de Cultura da Deputación da Coruña promoveu a creación do programa “Visións” dentro da Rede Cultural para impulsar a difusión de contidos audiovisuais na programación cultural dos concellos. “Desde “Visións” favoreceuse de maneira especial a difusión da produción audiovisual galega que, coma todo o mundo sabe, ten serias dificultades para atopar espazos de difusión e de encontro co público”, explicou Goretti Sanmartín dunha iniciativa que chega este ano a súa segunda edición. Ademais, na xuntanza avaliouse o apoio a festivais audiovisuais organizados por concellos e entidades e, de maneira especial, a nova liña de axudas para distribución de contidos audiovisuais para a que está aberto o prazo de concorrencia até o vindeiro 9 de maio.

“A Deputación da Coruña quere, con estas iniciativas, achegar a produción audiovisual galega ao público. Estamos nun momento en que se están a producir contidos de gran calidade mais teñen moi complexo chegar ao público en pantallas grandes polo que a nosa aposta é abrir novos camiños para ese encontro necesario”, sinalou Goretti Sanmartín despois da xuntanza na que participaron tamén o presidente e o director técnico da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares e Miguel Mariño e o asesor cultural da Deputación da Coruña, Xavier Campos.

O presidente da AGA, Carlos Ares, fixo unha “valoración moi positiva das propostas para o sector que a Deputación da Coruña está a impulsar, implicándose en que os produtos cheguen á audiencia e non só nas cidades senón tamén en vilas de menos poboación, promovendo unha nova rede de distribución moi interesante que deberá ir medrando”.

En lugar destacado sitúase o apoio da Deputación da Coruña a festivais do mundo do audiovisual tanto organizados polos concellos como por entidades culturais. Neste sentido, a área de Cultura destinou 335.000 € para apoiar festivais como Curtocircuito, Cineuropa, Carballo Interplay, Mostra Curtametraxes Vila de Noia, Chanfaina Lab de San Sadurniño ou o novo festival Cinema Crianza de Ames entre os organizados polos concellos ou S8 e Freakemacine nos que promoven entidades.

A Deputación da Coruña colabora tamén coa Academia Galega do Audiovisual na organización dos Premios Mestre Mateo e dos Mari Luz Morales de investigación arredor do sector. Como novidade, na xuntanza avaliouse tamén a colaboración para a promoción da Coruña como espazo de rodaxe para o que a Deputación achegará 10.000 € á AGA para o seu desenvolvemento.

Nova liña de difusión

Especial atención mereceu a nova liña de difusión de filmes en galego para a que a Deputación da Coruña destina un orzamento de 150.000 euros nunha iniciativa que suma á promoción da produción audiovisual á da nosa lingua. A nova convocatoria responde á necesidade de difusión de produtos audiovisuais en lingua galega e nace do recoñecemento do campo audiovisual como ámbito estratéxico de creación de contidos culturais. "A produción audiovisual é unha mostra principal da vitalidade dunha lingua e dunha cultura, en tanto permite xerar discurso propio cara a si e cara os outros e articular un espazo de referencias propio e recoñecible, cunha dinámica autónoma e beneficiosa no sociocultural e no económico e ao tempo interconectada e aberta ao resto de espazos culturais do planeta", explícase nas bases da liña que destacan a "importancia estratéxica da existencia dun espazo de comunicación e cultura propio, vivo e que se desenvolva no noso idioma".

A convocatoria da Deputación da Coruña considera dúas modalidades, unha de apoio aos contidos audiovisuais galegos (longametraxes, curtametraxes, documentais, etc.) para a súa distribución e exhibición en lingua galega (VO, VOSG ou dobraxe ao galego) e outra para a distribución en lingua galega de contidos audiovisuais non galegos.