A Deputación da Coruña e ABANCA renovan o Plan Activamos

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mar, 29/05/2018 - 00:48 / Etiquetas: Diputación da Coruña, abanca

 

A Deputación da Coruña e ABANCA subscribiron esta mañá un acordo que supón a renovación para o ano 2018 do Plan Activamos, iniciativa lanzada en 2014 por ambas as entidades para promover o desenvolvemento socioeconómico da provincia. A renovación do Plan por un ano máis supón a posta a disposición das pemes e autónomos, as familias e as corporacións locais coruñesas dunha nova partida de 50 millóns de euros en financiamento en condicións preferentes.

A firma do acordo tivo lugar na sede da Deputación na Coruña, nun acto que contou coa presenza do presidente do organismo provincial, Valentín González Formoso, e o director de Banca Institucional de ABANCA, Santiago Novoa García.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou que se trata do quinto ano de vixencia dun plan que “leva inxectados 180 millóns de euros de  para apoiar a pemes, autónomos, familias e concellos da provincia nos seus proxectos”. Formoso sostivo que esta filosofía “coincide coa que aplicamos na Deputación da Coruña, onde a aposta polo emprego e a dinamización económica é transversal en todas as nosas políticas”.

“O Plan Activamos é unha iniciativa única na súa clase por estar enfocada ao desenvolvemento socioeconómico da provincia da Coruña, por dirixirse con condicións preferentes tanto a familias como a pemes, autónomos e corporacións locais, por incluír un conxunto de usos moi vinculados ao benestar das persoas, e por estar en constante evolución para satisfacer de maneira cada vez máis eficaz as necesidades dos seus beneficiarios”, sinalou o director de Banca Institucional de ABANCA, Santiago Novoa.

Condicións vantaxosas

Desde 2014 o Plan Activamos inxectou na provincia da Coruña un total de 180 millóns de euros en financiamento en condicións preferentes a través de 7.074 operacións de distintos tipos.

Desta cantidade, 35,9 millóns de euros corresponden ao exercicio 2017. A súa concesión realizouse a través da formalización dun total de 1.387 operacións de financiamento. As pemes e autónomos, con 35 millóns, foron as destinatarias maioritarias

A través do Plan Activamos ABANCA pon a disposición dos seus beneficiarios diferentes produtos financeiros adaptados ás necesidades das pemes e autónomos, as familias e as corporacións locais. Todos eles presentan como características comúns a ausencia de comisións por estudo, amortización ou cancelación anticipada, a existencia de amplos prazos de amortización e a posibilidade de acollerse a períodos de carencia en determinados casos.

Modalidades

As pemes e autónomos dispoñen de financiamento para a posta en marcha de novos negocios, a realización de novos investimentos, a creación de emprego, a mellora da eficiencia enerxética e as necesidades de circulante. As familias poden solicitar financiamento para o uso de enerxías renovables, a mellora enerxética e de accesibilidade no fogar, a dotación de equipamento tecnolóxico, o desenvolvemento formativo e profesional, a adquisición de vehículos eficientes e a rehabilitación de vivenda habitual no medio rural. As corporacións locais contan con financiamento para a realización de investimentos, circulante, avais e confirming.

Para este ano 2018 o Plan introduce como novidades o incremento dos importes máximos financiables e o aumento dos prazos de amortización nalgunhas modalidades.

Desde a creación desta iniciativa en 2014, ABANCA inxectou en colaboración co catro deputacións provinciais galegas máis de 500 millóns no tecido produtivo e social da comunidade autónoma.