A Deputación da Coruña impulsará un programa bilateral de prácticas profesionais co Ministerio de Traballo da República Arxentina

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Jue, 28/06/2018 - 00:35 / Etiquetas: Diputación da Coruña

 

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, comezou unha visita oficial de cinco días á Arxentina e Uruguay co obxectivo de retomar a tradicional relación da institución provincial coa colectividade galega en ambos países.

A axenda, que inclúe reunións con algúns dos colectivos galegos máis importantes de Buenos Aires e Montevideo cos que a Deputación mantén dende hai anos unha estreita traxectoria de colaboración, comezou este mércores cunha reunión co ministro de Traballo da República Arxentina, Jorge Triaca, na que participou tamén  o deputado de Promoción Económica e Emprego e alcalde de Brión, José Luis García.

Formoso e Triaca acordaron impulsar, en base ao convenio marco existente entre os gobernos nacionais de España e Arxentina para o desenvolvemento de accións conxuntas de formación profesional, un programa bilateral de prácticas profesionais que permita aos fillos de emigrantes galegos completar a súa formación práctica en empresas coruñesas ou que os mozos coruñeses podan realizar prácticas laborais no país austral.

Recuperar o talento no exterior e poñelo ao servizo de Galicia

Valentín González Formoso destacou que o novo programa, que se incluirá dentro das liñas estratéxicas do Plan de Empego Local (PEL) da Deputación, que xa conta con axudas directas á contratación, programas de apoio a emprendedores, liñas de apoio á inserción laboral de persoas con especiais dificultades e creación de viveiros sectorais de empresas na provincia da Coruña, pretende “recuperar o talento dos galegos no exterior e poñelo ao servizo de Galicia”.

“Trátase dunha nova fórmula de colaboración que vai máis alá das tradicionais axudas para crear infraestuturas ou realizar actos culturais  e que nos vai a permitir investir no noso capital humano, que é o mellor que podemos ofrecer á sociedade e ao futuro de Galicia”, afirmou o presidente da Deputación da Coruña, que destacou que ademáis o  programa pretende “recuperar o vínculo coas entidades galegas no exterior, que son as nosas mellores embaixadas no mundo e que van a ter un protagonismo importante neste proxecto”.

Pola súa banda, o ministro de Traballo, Jorge Triaca, destacou que seu departamento “está absolutamente aberto a calquera cuestión que teña que ver cunha maior  formación, capacitación e acceso ao coñecemento, xa que nos vai a permitir mellorar a nosa competitividade e crear oportunidades de emprego para os arxentinos”.

“Todo o que teña que ver coa formación profesional é para nós unha prioridade”, afirmou o ministro de Traballo da República Arxentina.

Durante a reunión co ministro,  Valentín González Formoso interesouse tamén pola situación do histórico Centro Galego de Buenos Aires, unha asociación histórica impulsada pola emigración galega en 1907 na rúa Belgrano da capital arxentina que atravesa serias dificultades económicas e cuxa crise afecta a miles de galegos de avanzada idade residentes en Arxentina que viñan percibindo as súas prestacións médicas e sanitarias a través da entidade.

Visita ao Centro Galicia

O presidente da Deputación visitou tamén esta tarde o emblemático Centro Galicia de Buenos Aires, onde se reuniu co vicepresidente da entidade, Rafael Patiño, e os membros da xunta directiva dunha asocación que integra mais de 12.000 socios na capital bonaerense e xestiona o colexio “Santiago Apóstol”, no que estudan actualmente máis de de 550 alumnos entre os 2 e os 18 anos.

Formoso, que percorreu as instalacións do centro na rúa Bartolomé Mitre da capital arxentina,  destacou que se trata “dunha das entidades sociais e culturais da diáspora galega máis importantes e con máis historia de cantas existen en América, nacida a partir da unión dos centros da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, o que amosa que a unión fai a forza”, afirnou.

O presidente provincial coruñés gabou “o papel fundamental de promoción da lingua e a cultura galega” que realiza o Centro Galicia e o Colexio Santiago Apóstol e anunciou que este outono reunirase na Coruña cos representantes institucionais da entidade para valorar a posibilidade de que a Deputación da Coruña colabore na ampliación dun 6º andar do inmoble actual, no que se ubicarían os novos laborarorios do centro escolar.

Centro de Betanzos, máis dun século historia

Na intensa axenda de onte, o presidente da Deputación visitou tamén o centro de Betanzos en Buenos Aires, unha entidade con 113 anos de historia que aglutina a máis de 300 socios e que é hoxe en día o centro comarcal máis antigo da comarca das Mariñas Betanceiras no mundo.

Formoso reuniuse coa presidenta da asociación, Beatriz Lagoa, e co que a partir do venres 29 de xuño será o vindeiro presidente da Federación de Sociedades Españolas, Benito Blanco Álvarez , que explicaron a traxectoria e as múltiples actividades da entidade no ámbito social e cultural.

“Ë emocionante ver cómo pervive neste país o legado do colectivo galego” afirmou González Formoso, que sostivo que estes centros “son as nosas mellores embaixadas no mundo”.

Formoso lembrou que a Deputación contribuíu no seu día á reforma e equipamento do local social da entidade na rúa Venezuela de Buenos Aires e ofreceu a colaboración da institución provincial coruñesa para seguir realizando proxectos que contribúan a manter e rede de respresentantes galegos no mundo.

Entre outras distincións, o Centro Betanzos de Buenos Aires está declarado Patrimonio Cultural da Cidade Autónoma de Buenos Aires e ostenta as Medallas de Ouro do Ministerio de Traballo e Inmigración do Goberno de España (2009) e do Concello de Betanzos (2005).