A Deputación da Coruña trae ao Teatro Colón o documental "Sitio Distinto"

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Vie, 25/05/2018 - 00:12 / Etiquetas: Diputación da Coruña, teatro colon

 

A Área de Cultura da Deputación da Coruña trae á pantalla do Teatro Colón a longametraxe documental “Sitio distinto”, unha viaxe polas diferentes ondas migracionais desde Galiza ata Euskal Herria. A proxección terá lugar este sábado 26 ás 20:00 horas

Dirixida por Davide Cabaleiro e producida por Zirriborro e Pixel Films, “Sitio distinto” é un percorrido desde finais do século XIX ata a actualidade para entender por que a emigración galega chegou a Euskal Herria. E, sobre todo, por que se instalou alí atéos nosos días. O documental explica tamén como esa decisión xerou que ambos os pobos se atopen e creen xuntos a nivel musical, literario, social e cultural.

As minas de ferro foron o destino primeiro hai xa 150 anos. Despois viría a pesca, a industria… ata chegar á mocidade galega de hoxe en día que poboan a identidade vasca. Un camiño que uniu co tempo a dous pobos que comparten o ter dúas culturas e linguas minorizadas.

Cando Davide Cabaleiro deixa A Coruña para mudarse a Gipuzkoa, rapidamente se atopou coa realidade da migración galega en Euskal Herria, que el descoñecía case por completo. Segundo a súa experiencia, nunha terra a máis de setecentos quilómetros da súa casa, camiñando por un novo pobo, séntese a sensación de estar na casa, escoítase falar idioma propio, aquel que quedou atrás, e reaparece nesta nova terra de chegada, na que tamén é parte da súa cultura. A identidade galega existe aquí, non se perdeu.

Hai cinco anos decide poñerse a traballar no que hoxe é Sitio Distinto, un documental que mostra como os inmigrantes chegaron a un sitio distinto e como crearon barrios que acabaron por converterse tamén en sitios distintos para a xente do lugar. Outra lingua, outros costumes, outra cultura que termina por atoparse coa cultura e lingua vasca.

As invitacións para este espectáculo están dispoñibles en ataquilla.com ou na billeteira do Teatro Colón. Os horarios de apertura están dispoñibles en www.teatrocolon.es/entrada