A Deputación destina 109.000 euros a financiar 11 proxectos internacionais de axuda ao desenvolvemento

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mar, 24/07/2018 - 13:12 / Etiquetas: Diputación da Coruña

 

Deputación da Coruña publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia a concesión provisional de axudas por importe de 109.349,50 euros para o financiamento, en colaboración con ONG e asociacións sen ánimo de lucro, de once proxectos internacionais de axuda ao desenvolvemento.

O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, destacou a importancia destas liñas de axudas que dende hai anos permiten “que a solidariedade coruñesa axude a mellorar a saúde, a educación e as condicións de vida de moitas persoas en todo o mundo”

Entre os proxectos que contarán con financiamento da Deputación da Coruña este ano figura un proxecto de prevención social para nenos en situación de risco no centro Santa Mónica de Tegucigalpa (Honduras), un programa de restitución de terras a campesinos no departamento de Antioquía (Colombia), a terceira fase dun proxecto de manexo dunha microcunca na municipalidade de Silca (Honduras) ou un plan de acceso sanitario básico ás comunidades dos barrios chabolistas de Sigra-Varasani, en India.

A Deputación financiará tamén un ano máis as actividades da “Escola Coruña”, un proxecto emblemático das políticas de cooperación exterior da Deputación creada en Yoff-Dakar (Senegal) pola ONG Ecodesarrollo Gaia, onde estudan uns 120 nenos e nenas e que serve ademáis como centro sociocomunitario para a formación de adultos, dispensario de primeiros auxilios e sede da iniciativa “Coruña Cura”, un programa de atención médico-sanitaria que organiza cada ano a entidade.

Outro proxecto de colaboración internacional que contará, un ano máis, con axuda provincial será o “Viaxe cara a vida”, que desenvolve a Fundación Tierra de Hombres, e que permitiu que nos últimos anos preto dun cento de nenas e nenos africanos afectados por doenzas graves foran intervidos cirúrxicamente nos hospitais galegos.

Vacacións en paz e acollida de nenos de Chernobil

A Deputación destina tamén este ano unha subvención de 15.240 euros para financiar o proxecto “Vacacións en Paz” que cada ano desenvolve a ONG Solidaridade Galega co Pobo Saharaui e 5.000 euros para o programa de acollida temporal nos concellos coruñeses de 18 menores procedentes da rexión rusa de Briansk, onde aínda seguen patentes os efectos contaminantes da catástrofe nuclear de Chernobil. Un programa que ten como obxectivo protexer a saúde dos menores e incrementar a súa esperanza de vida.