A Deputación destina 200.000 euros á promoción de proxectos culturais que contribúan ao progreso social

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mié, 20/06/2018 - 00:04 / Etiquetas: Diputación da Coruña, ayudas deputación

 

A área de Cultura da Deputación da Coruña vén de aprobar un orzamento de 200.000 euros para apoiar a aquelas entidades lucrativas que desenvolvan durante o 2018  proxectos singulares de especial interese cultural para a provincia.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe as bases dunha convocatoria que ten por destinatarias ás produtoras culturais privadas que no transcurso do presente ano, desenvolvan proxectos artísticos, culturais ou patrimoniais en lingua galega, que resulten de especial interese para o desenvolvemento cultural galego.

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, subliñou que “por primeira vez a Deputación apoiará ás entidades culturais privadas que leven a cabo proxectos que sexan de relevancia para a sociedade, proxectos singulares que merezan ter apoio público". Destacou tamén a importancia das industrias culturais “á hora de xerar riqueza, emprego e contidos de calidade”, pois, o seu traballo “resulta fundamental para consolidar e normalizar a produción de proxectos culturais en lingua galega”.

A Deputación da Coruña achegará unhas axudas de entre 2.500 e 30.000 euros a aquelas entidades lucrativas do sector cultural que leven a cabo iniciativas que aborden proxectos centrados na cohesión e integración social, a defensa da diversidade, a convivencia intercultural, a sensibilización medioambiental, iniciativas a favor da igualdade, a educación en valores, a integración de persoas con diversidade funcional, a recuperación demográfica ou a recuperación de identidades comunitarias a través do seu patrimonio material e inmaterial.

Xa que logo, trátase de proxectos que necesariamente achegan un valor engadido ao progreso social (dereitos, diversidade, respecto medioambiental, estima colectiva); patrimonial (memoria, coñecemento, difusión social) ou artística (innovación, experimentación, propostas de risco, etc…) de Galiza en xeral, e da provincia da Coruña, en particular.

A nova liña de subvencións da Deputación da Coruña, destinada ás produtoras do tecido cultural privado, vense a engadir ás xa habituais liñas de apoio que a institución destina ás entidades non lucrativas, ás axudas para a contratación de persoal técnico, as bolsas de formación  ou as subvencións para a promoción de eventos e actividades culturais nos concellos.

Todas elas, integran un conxunto de actuacións cos que a Deputación da Coruña ratifica unha vez máis o seu compromiso coa Cultura galega, a súa difusión e o impulso de novas producións culturais.

Máis información e bases:
http://bop.dacoruna.gal/…/p…/2018/06/19/2018_0000004526.html