A Deputación e a Confederación de Empresarios da Coruña impulsan un programa de cursos de formación

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mar, 24/07/2018 - 00:05 / Etiquetas: Diputación da Coruña

 

A Deputación da Coruña e a Confederación de Empresarios da Coruña levarán a cabo un programa de formación do que se beneficiarán preto de 150 persoas na provincia da Coruña e que suporá un investimento de 30.600 €, dos que o 80% (24.480€) serán achegados pola institución provincial.

O programa, articulado a través dun convenio que vén de ser asinado polo deputado de Promoción Económica e Emprego, José Luis García, e o presidente da patronal coruñesa, Antonio Fontenla Ramil, inclúe a realización de 8 cursos que se realizarán nas sedes das delegacións coruñesa e compostelana da CEC e en diversos concellos da provincia, que se determinarán en función das solicitudes persoas interesadas en participar neste programa.

Os cursos, destinados tanto a desempregados como a persoal en activo da provincia da Coruña, desenvolveranse ata finais de 2018, inclúen un total de 215 horas de formación en cuestións como ferramentas de comunicación (40 horas), habilidades para a xestión e resolución de problemas (50 horas), introdución á contabilidade (15 horas), Web 2.0 e redes sociais no entorno de traballo (20 horas), Excel avanzado (15 horas), novo regulamento de protección de datos (5 horas), técnicas de venda (35 horas) e habilidades para o traballo en equipo (35 horas).

Segundo explicou o deputado responsable da área de Promoción Económica e Emprego, José Luís García, a iniciativa pretende fomentar a formación continua dos traballadores en activo e, ao mesmo tempo, favorecer a inserción laboral dos desempregados, mellorando a súa cualificación profesional.