A Deputación e a Xunta colaboran na xestión do centro Residencial Emilio Romay

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mar, 20/03/2018 - 00:57 / Etiquetas: Diputación da Coruña, Centro Residencial Emilio Romay

 

A responsable da área de Benestar Social, Educación e Igualdade da Deputación da Coruña, Ánxela Franco e o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela asinaron este luns un convenio de colaboración para a xestión do Fogar Infantil Emilio Romay, un centro de referencia en atención para crianzas que depende da Deputación da Coruña.

Co obxectivo de mellorar a situación socio-familiar das persoas menores en situación de desamparo, marxinación ou calquera outra circunstancia persoal que impida ver cubertas as necesidades dos menores pola propia familia, a Deputación e a Xunta de Galicia acordaron esta mañá as medidas de acollemento residencial e atención de día do centro Fogar Infantil Emilio Romay, cuxa titularidade pertence á Deputación da Coruña.

Con este acordo, que vén sendo asinado por ambas institucións desde o ano 1994, a entidade provincial pon a disposición da Consellería de Política Social, 27 das 45 prazas coas que conta o centro,  e así a Xunta de Galicia poida atender as necesidades das crianzas que tutela ou que se atopan en situación de garda.

Desta maneira, a Xunta de Galicia realiza unha achega económica de 275.940 euros, que se integran no orzamento anual do fogar ata acadar 2.102.058 euros,  e cos que a Deputación asume o compromiso de ofrecer un servizo formativo e educativo integral dos menores, ademais velar pola súa saúde física e psíquica e sufragar os custes laborais dos 65 profesionais que traballan no centro.

A deputada e responsable da área de Benestar Social, Educación e Igualdade, Ánxela Franco destacou “o grande labor que desenvolve  o persoal dun centro ao que queremos coidar especialmente xa que  as persoas usuarias son as máis vulnerábeis, nenos e nenas en situacións ás veces complexas”.

A deputada de Benestar Social destacou a necesaria colaboración institucional nesta xa que o obxectivo ten que ser compartido cun finalidade única que é “que as nenas e os nenos teñan aquelo precisan e ofrecer os mellores servizos que se poidan ofertar para voltar á sociedade coa mellor das garantías”.  Ánxela Franco lembrou que a achega da Deputación da Coruña ao orzamento é case do noventa por cento da totalidade e instou á Xunta a que, cando menos, “equipare a súa achega á que fai aos centros de titularidade privada”.

Nesta mesma liña, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela valorou a sinatura deste novo convenio como o “froito dun compromiso compartido” entre institucións, e agradeceu “a total disposición da Deputación para mellorar a atención dos nenos e nenas”.

Finalmente, o conselleiro puxo en valor  o traballo desenvolto no Fogar Infantil Emilio Romay incidindo en que se trata de un “centro de referencia” a nivel estatal, pois “non só é un dos mellores centros de Galicia, senón de toda España”.

As 27 prazas definidas no convenio de colaboración están distribuídas en tres módulos ou unidades de convivencia, nomeadamente, un fogar de acollemento residencial para nenas e nenos de 0 a 15 meses, e dúas unidades residenciais para menores cuxa idade estea comprendida entre os 15 meses e os doce anos. Así mesmo, os servizos de atención formalizados no convenio de está mañá fican divididos en dúas modalidades, como son a atención residencial en réxime de internado e atención de día integral. 

O Fogar Infantil Emilio Romay (FIER) orienta a súa actividade a atender as necesidades de nenas e nenos e apoiar as súas familias para superar as dificultades sociofamiliares polas que poidan atravesar e así mellorar a súa autonomía na crianza dos menores.

O centro desenvolve un Programa socioeducativo de carácter psicosocial,  nun ambiente educativo e terapéutico, cun conxunto de tarefas e actividades que se complementan, dando un significado integral á intervención coa/co nena/o e a súa familia.