A Deputación entrega os premios do IX concurso de viñetas “Donas Mulleres da Historia de Galicia”

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mié, 27/06/2018 - 08:42 / Etiquetas: Diputación da Coruña, Mulleres Galicia

 

Catro mozas da Coruña, unha de Melide e unha de Ames son as gañadoras do IX concurso de viñetas "Donas Mulleres na Historia de Galicia". O certame que promove a área de Igualdade da Deputación da Coruña co ánimo de achegar á poboación adolescente a figura de mulleres loitadoras e heroínas que foron esquecidas da historia.

“As Schindler galegas”, “a Revolta das Pedradas” ou “As heroínas das terra” son algunhas das protagonistas das viñetas gañadoras do concurso "Donas", que a área de Igualdade da Deputación da Coruña convoca anualmente, co obxectivo de animar á poboación adolescente a reflexionar sobre as mulleres da historia galega, e contribuír así a visibilizar o relevante papel que tiveron no desenvolvemento da nosa sociedade.

No acto de entrega de premios, a responsábel da área de Benestar Social, Educación e Igualdade da Deputación da Coruña, Ánxela Franco, agradeceu o grande labor realizado polas mozas premiadas facendo especial fincapé en que co seu "traballo e esforzo estades a sementar un futuro máis digno para as mulleres”.

Ánxela Franco dirixiuse ás premiadas indicando as grandes dificultades que tivo o xurado, composto pola gañadora do premio Castelao de Banda Deseñada, Bea Lema, a técnica de Igualdade, Eva Ovenza e a técnica de Servizos Sociais, Fernanda Soutullo, para escoller as tres láminas gañadoras en cadansúa modalidades do concurso -de 12 a 14 anos e de 15 a 18- dada “a calidade das obras presentadas” e o “traballo de investigación” que había detrás dalgunhas das viñetas que participaron nesta edición. Non obstante, a deputada sinalou que o máis importante é “tomar conciencia sobre a importancia que tiveron as mulleres do pasado e do presente”

Na categoría de 12 a 14 anos, os premios foron para os traballos "Heroínas da terra" de Raquel González Calvo (A Coruña), "As Schindler galegas", de Paula María Tábara Casandra (A Coruña) e "Elas abriron camiño" de Teresa Ron Casal (Melide), que se alzaron co  primeiro, segundo e terceiro premio, respectivamente.

Para a categoría de 15 a 18 anos, o primeiro premio recaeu na "Revolta das pedradas" de Mirian Puebla Gil (A Coruña), o segundo en "Muller contra muller" de María Angélica Álvarez Estévez (Ames) e o terceiro para "A Voz da Muller", de Marina Sacristán Hidalgo (A Coruña).

Co certame de viñetas “Donas historia das mulleres en Galiza”, a Deputación da Coruña ten por obxectivos contribuír a posta en valor das biografías de mulleres galegas, o empoderamento feminino e tamén visibilizar o papel que tiveron as mulleres ao longo da historia no desenvolvemento da sociedade galega.