A Deputación premia as iniciativas que fomenten a paz e a convivencia

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Vie, 02/03/2018 - 12:06 / Etiquetas: diputacion, Premio Deputación

 

A Deputación da Coruña vén de crear o Premio pola Paz, Convivencia e Dereitos Humanos, que premiará as accións en prol da convivencia, a resolución pacífica de conflitos e a eliminación de comportamentos que prexudican a vida en común entre as persoas, como poden ser o acoso, a discriminación ou a violencia de xénero.

O galardón conta con tres categorías, dotadas con 2.500 euros cada unha, dirixidas ás mellores iniciativas nos eidos da Paz e Convivencia, e tamén un terceiro premio xuvenil, destinado a proxectos nos que participen mozos e mozas da provincia.

Poderán concorrer todas aquelas iniciativas, investigacións ou experiencias de carácter escolar, educativo, social, empresarial ou cultural que promovan a resolución pacífica de conflitos, os dereitos humanos, a cultura da non violencia, o respecto, o entendemento, a concordia e a convivencia democrática, e que se realicen dentro do ámbito territorial da provincia da Coruña ou de Galicia, ou ben noutros territorios cando se desenvolvan a través de proxectos de cooperación e as entidades ou persoas que os desenvolven teñan sede social nalgún concello da provincia.

O prazo de presentación de candidaturas para este I Premio pola Paz, Convivencia e Dereitos Humanos está aberto ata o 31 de maio de 2018. As propostas deberán presentarse no Rexistro Xeral da Deputación ou no enderezo electrónico desenvolvemento.territorial@dacoruna.gal, seguindo o formulario publicado no Boletín Oficial da Provincia do día 1 de marzo de 2018, e deberán ir acompañadas dun informe razoado de méritos, a memoria curricular do candidato e, adicionalmente, os apoias de institucións, entidades ou persoas que se consideren relevantes.

Os premios entregaranse o día 30 de xaneiro, coincidindo coa celebración internacional do Día pola Paz e a Non Violencia.