A Deputación presenta ás entidades as súas novas liñas de subvención para actividades de medio ambiente e benestar animal

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mar, 19/06/2018 - 08:54 / Etiquetas: Diputación da Coruña, ayudas deputación

A Deputación da Coruña reuniuse  coás asociacións da provincia que desenvolven accións no ámbito medioambiental e de benestar animal para presentar as novas liñas de subvencións aprobadas polo goberno provincial con destino a estas entidades.

O orzamento destas convocatorias ascende a 300.000 euros (150.000 € para a liña destinada a entidades medioambientais e 150.000 € para as protectoras de animais) e as subvencións van desde os 3.000 aos 15.000 euros, en función dos criterios de baremación de cada programa.

Por unha banda, as axudas a asociacións protectoras de animais domésticos, que se convoca en réxime de concorrencia competitiva, van destinadas a financiar os gastos relacionados coa protección de animais domésticos (cans e gatos) que se realicen no 2018 por parte de asociacións privadas sen ánimo de lucro, de protección e defensa de animais domésticos, legalmente constituídas.

Coas axudas provinciais, as protectoras poderán financiar cuestións como soldos, salarios e gastos de Seguridade Social, servizos veterinarios ou chips, medicamentos e gastos de alimentación dos animais.

Para recibir estas axudas, as asociacións privadas sen ánimo de lucro deberán estar inscritas no ‘Rexistro Galego de Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais de Compañía’, creadas cunha antigüidade mínima de dous anos anteriores á data de finalización do prazo de solicitude.

Ademais, deberán ter domicilio social ou oficina permanente na provincia da Coruña. Non poderán participar na convocatoria as entidades que sexan beneficiarias de subvencións nominativas no 2018 ou que vaian recibir neste exercicio orzamentario calquera outro tipo de achega da Deputación.

Subvencións no ámbito do medio ambiente

Por outra banda, o programa de axudas para o cofinanciamento de proxectos e actividades no ámbito do medio ambiente, vai destinado a campañas de sensibilización, estudos, programas educativos, itinerarios pedagóxicos, promoción difusión e defensa dos valores ambientais e outras actividades para protexer o medio ambiente que se realicen por entidades privadas sen ánimo de lucro, inscritas no ‘Rexistro de Entidades de Carácter Ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia’, ou que teñan entre os seus obxectivos estatutarios a defensa do medio ambiente.

Entre actividades subvencionables neste apartado figuran, entre outras, campañas de voluntariado ambiental dedicadas á conservación do ecosistema, accións de conservación de espazos naturais protexidos, mellora de calidade ambiental no ámbito urbano, ou actividades conservación de variedades e especies vexetais autóctonas.

Tamén se buscará a difusión e sensibilización ambiental, cofinanciando  accións de promoción do coñecemento do medio ambiente na provincia da Coruña. En concreto, todas aquelas accións que teñan que ver coa sensibilización sobre cambio climático, as boas prácticas ambientais, o uso da auga e da enerxía ou o consumo responsable, entre outras cuestións.

O prazo para optar a ambas liñas de subvencións está aberto ata o vindeiro 29 de xuño.