A Deputación promove o Camiño Inglés no noroeste de Inglaterra

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Lun, 19/03/2018 - 13:24 / Etiquetas: Camino Inglés

 

O deputado responsable da área de Economía e Persoal da Deputación da Coruña, Antonio Leira, realizou unha visita ao condado de Durham para explorar diversas vías de colaboración co obxectivo de promover o Camiño Inglés.

A Deputación da Coruña iniciou fai dous anos a recuperación desta ruta xacobea, unha das menos coñecidas e que discorre integramente pola provincia coruñesa desde Ferrol ou Coruña ata Santiago de Compostela. Dentro desta campaña de promoción do Camiño Inglés, a institución provincial participou nunha peregrinación reivindicativa entre a abadía de Finchale e a catedral de Durham, editou un volume que recompila os atractivos turísticos, patrimoniais, gastronómicos e culturais, organizou o primeiro encontro dos municipios polos que discorre a ruta e impulsos diversos intercambios con Inglaterra.

En concreto, a Deputación ten abertas varias vías de colaboración coa Universidade de Durham e a localidade de Bishop Auckland, onde os expertos sitúan a orixe do Camiño Inglés. Antonio Leira manifestou a intención da Deputación de continuar esta cooperación a través do Auckland Project, un proxecto de desenvolvemento cultural a nivel local.

Leira convidou aos responsables do proxecto a visitar a provincia da Coruña da man da Deputación, e estudar así posibles vías para colaborar na celebración de actos e iniciativas que contribúan á promoción do Camiño Inglés desde o ámbito cultural, tanto na provincia da Coruña coma en Inglaterra.

Xunto co alcalde de Oroso, Manuel Mirás, Leira tamén se reuniu co alcalde de Bishop Auckland para promover os intercambios entre escolares e a promoción conxunta de ambos municipios. Durante este encontro, os alcaldes de Oroso e Bishop Auckland asinaron un convenio de colaboración coa asociación Friends of Finchale Camino, co obxectivo de continuar recuperando a ruta xacobea desde os seus inicios no noroeste de Inglaterra.