A Domus participa na iniciativa internacional Stem Discovery Week 2018

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Lun, 23/04/2018 - 06:18 / Etiquetas: Domus, Stem Discovery Week

 

Stem Discovery Week é unha iniciativa internacional que invita a escolas e organizacións a celebrar actividades relacionadas coa ciencia, a tecnoloxía, a enxeñería e as matemáticas.

A campaña de 2018 conta xa con 424 actividades educativas rexistradas en 34 países de todo o mundo, entre elas os talleres científicos da Domus da Coruña, que realizarán escolares de Galicia entre o 23 e o 27 de abril.

Estes talleres terán lugar no Laboratorio Aberto, un espazo pensado para vestir a bata de laboratorio, poñer as lentes de seguridade e manexar os instrumentos que utilizan os científicos no seu día a día para investigar. Os talleres que se realizarán, e que forman parte da oferta para grupos escolares da Domus, son os seguintes: 

- Investiga a vacina do VIH. O alumnado experimenta se a vacina para a sida na que traballan os científicos de IrsiCaixa podería ser eficaz para protexer á poboación de distintos continentes. 

- A revolución biotecnolóxica. Un taller para tansformarse en biotecnólogo e participar na procura dunha diana para o tratamento contra a arteriosclerose.

- Como se desenvolven os fármacos? Para participar na síntese dun novo fármaco que se está investigando para o párkinson. 

- Diseccións en directo, de corazón e ollo de porco. 

- Artistas da prehistoria. Un taller no que converterse nun artista prehistórico e coñecer os materiais, técnicas e temas favoritos dos nosos antepasados.

- ExploraDomus Escola. Nesta actividade o alumnado descobre a ciencia que se esconde na cociña, nunha experiencia para coñecer a ciencia nos espacios máis cotiáns. 

Stem Discovery Week está organizada por European Schoolnet, unha organización sen ánimo de lucro que impulsa a innovación educativa entre os seus socios, que son ministerios de educación, escolas, profesorado, persoal investigador e industrias.