A EDAR de Bens ultima a posta a punto da Unidade Mixta de Gas Renovable

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mié, 08/08/2018 - 00:45 / Etiquetas: concello da coruña

A concelleira de Medio Ambiente, María García, avanzou este martes que en poucas semanas para que "A Coruña poderá converterse en referente en canto a sistemas de aproveitamento enerxético, ao entrar en funcionamento a Unidade Mixta de Gas Renovable prevista na EDAR de Bens". En concreto, estes días ultímase a posta en marcha da mesma, o que permitirá a conversión en biometano do biogás que se xera nos procesos de depuración da planta e é desbotado. Este será empregado como combustible e facilitará a circulación dun autobús metropolitano, así como as furgonetas da propia estación depuradora e un furgón empregado polo colectivo Mulleres Colleiteiras, que desenvolve un proxecto de economía circular en colaboración co Concello coruñés para o aproveitamento dos aceites domésticos usados. "Estes días estanse a rematar as últimas conexións, polo que esperamos que, en breve, poida estar xa funcionando a Unidade Mixta, o que se traduce en que poderemos dar servizo a distintos vehículos que van funcionar grazas á enerxía da planta.

En concreto, este proxecto piloto, que se realizará até 2019, permitirá aproveitar o biogás que se produce de xeito natural nos procesos de dixestión anaerobia da materia orgánica na planta depuradora de augas residuais. Este innovador procedemento foi posto en marcha pola empresa pública da EDAR de Bens (da que forman parte os concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros), coas empresas Naturgy S.D.G., Naturgy Engineering e o centro tecnolóxico EnergyLab, e conta cun investimento de 2,2 millóns de euros da Axencia Galega de Innovación.

A titular de Medio Ambiente salientou o bo ritmo da actuación prevista. "A obra civil da unidade mixta estaba xa rematada en xullo e agora, o que se está a facer é conectar todo, poñer a andar a parte tecnolóxica restante, para conseguir ter un marcha tanto as instalacións nas que se realizará a recarga dos vehículos, así como aquelas onde se producirá a conversión de biogás en biometano. "Para nós é un proxecto ilusionante, xa que vai moito máis alá do seu propio resultado inmediato. Estamos a facer unha aposta decidida na loita contra o cambio climático, e estamos a defender o aproveitamento de residuos que, doutro xeito, directamente se perderían, fabricando con eles un combustible renovables. Con este proxecto, ademais, apoiamos a economía circular, pola que necesariamente debe pasar o noso futuro", comentou a concelleira.

No período de experiencia piloto, produciranse 60 metros cúbicos de biometano por hora, aínda que a capacidade teórica de produción da planta é de 450 metros cúbicos por hora.