A planta de Nostián incrementa súa eficiencia na recuperación de envases nun 21%

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Dom, 20/05/2018 - 11:44 / Etiquetas: Planta de Nostián

 

A concelleira de Medio Ambiente, María García, saudou esta xornada o impacto das melloras introducidas durante o pasado ano na planta de Nostián para mellorar a súa eficiencia na recuperación de envases, e que foron aplicadas como mecanismo para compensar a perda de ingresos derivada do convenio unilateral entre a Xunta e Ecoembes –a asociación que engloba ás empresas envasadoras do Estado– polo que se reduciu un 15% o prezo unitario que se percibe polos materiais recuperados. Así, segundo os datos recollidos polo seu departamento, entre xaneiro e abril deste ano, a recuperación de envases incrementouse nun 21% fronte ao mesmo período de 2017 e un 14% con respecto a 2016. Do mesmo xeito, a facturación medrou un 26% sobre o pasado exercicio e un 5% se o comparamos con 2016 ano que, recorda María García, “foi especialmente destacable en canto a resultados e volume de recuperación en envases”.

A responsable municipal salienta o traballo que se desenvolve na planta, así como o beneficio das obras de mellora que se levaron a cabo contra finais do ano pasado, aínda que lamenta que, non obstante, e até a aplicación das mesmas, “o acordo entre Xunta e Ecoembes supuxo que tanto o Concello como o Consorcio das Mariñas e Albada deixasen de percibir uns ingresos que superaban os 1,6 millóns de euros”.

“A Xunta de Galicia e, en concreto, a Consellería de Medio Ambiente deberían de reflexionar sobre as consecuencias que tiveron tanto para o Concello da Coruña como para o Consorcio das Mariñas e, en especial, para a cidadanía, os acordos aos que chegou de forma unilateral con Ecoembes”, comenta a responsable municipal de Medio Ambiente, quen indica que a rebaixa “non se debería ter aplicado até que non se tivesen implementado as medidas para paliar esa baixada do prezo por envase recuperado que recolle o convenio”. “É curioso que mentres a cidadanía da Coruña está a amosar un compromiso cada vez maior coa separación e coa reciclaxe, dende o goberno autonómico se realicen accións que parecen ir no camiño contrario, no da desincentivación”, advirte.

Obras de mellora

Os traballos que se desenvolveron durante o pasado novembro na planta de Nostián, cun investimento de 600.000 euros, supuxeron implantación de melloras na nave de pre-tratamento mecánico, o que traduce nun mellor aproveitamento e recuperación de envases e, polo tanto, no incremento do volume de valorización. Entre as actuacións levadas a cabo salienta o cambio de cribas na zona dos tromeis, que ten como obxectivo “aumentar a recuperación de envases de entre 30 e 35 centímetros”. Tamén se habilitou un novo separador balístico, que distribúe en tres fluxos de envases o que antes era un. Os novos fluxos desenvólvense en tres cintas diferentes, un para residuos rodantes (latas, plástico, etc), outra para os de carácter plano (como os brik), e os de carácter máis pequeno.

En canto á recuperación de envases de plástico filme, tamén se puxo en marcha unha ampliación de capacidade do sistema de aspiración de este residuo, así como das bolsas de plástico, o que redunda nunha mellora considerable do rendemento á hora da abordar o proceso de recuperación. Do mesmo xeito, tamén se procedeu á colocación dun novo separador de envases de aluminio, así como un separador magnético e un separador de indución para aumentar a recuperación de metais en planta.

Entre as melloras tamén figura a colocación dun novo silo dosificador, que ten como obxectivo aumentar a capacidade de recuperación dos envases rodantes, así como a instalación dunha nova cinta reversible, para facilitar a saída do filme seleccionado directamente ao exterior da planta sen ter que pasar pola prensa multiproduto.