A Rede Cultural da Deputación da Coruña leva cine este verán a case setenta concellos

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Lun, 23/07/2018 - 11:50 / Etiquetas: Diputación da Coruña

 

Parques, prazas ou xardíns de maneira especial convértense neste verán en salas abertas de proxeccións para o programa Visións da Rede Cultural da Deputación da Coruña. En total, serán case setenta as sesións cinematográficas que se produzan até fins de agosto, con especial atención ao público infantil.

O Pino, Valdoviño, Rianxo, Fisterra, Frades, Cabanas, Arteixo, Dumbría, Melide, Monfero, Carballo, Oleiros, Valdoviño, Oleiros, A  Pobra do Caramiñal, Bergondo, A Laracha, Cabanas, Narón, Melide, Muros, Cariño, Neda, Cerceda, Lousame ou Muros son os concellos en que se proxectarán películas da Rede Cultural nos próximos días. Os concellos podían facer a súa escolla dun abano de 118 películas que compoñen a oferta do programa  destinado a promoción de cinema e contidos audiovisuais.

Entre as películas galegas, proxectarase filmes como En todas as mans, de Diana Toucedo, Crebinsky de Enrique Otero con actores como Miguel de Lira, Luís Tosar e Celso Bugallo,  Os Fenómenos de Alfonso Zarauza con Lola Dueñas e Luís Tosar ou A Praia dos afogados, de Gerardo Herrero, baseado na novela de Domingo Villar. A programación incluirá tamén coproducións galegas para público infantil como Pérez, o ratiño dos teus soños de Juan Pablo Buscarini ; Maimiño e o espello máxico, de Ernesto Padrón, A Tropa de Trapo de Alex Colls, O  Espíritu do Bosque de David Rubín e Juan Carlos Peña

Ao programa Visións súmase este ano unha nova liña da área de Cultura da Deputación da Coruña  destinada á distribución de filmes en galego que quere contribuír a poñer fin á dificultade de que os filmes na nosa lingua cheguen ao público.

Apoiar a distribución, comercialización e exhibición audiovisual en lingua galega é o obxectivo da nova liña de axudas á que a Deputación da Coruña destina un orzamento de 150.000 euros.

"Queremos abrir novas vías para facilitar o acceso a contidos audiovisuais na nosa co fin de rematar coa anomalía que é a dificultade de asistir á proxección de contidos audiovisuais galegos", explica a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei.

A convocatoria da Deputación da Coruña considera dúas modalidades, unha de apoio aos contidos audiovisuais galegos (longametraxes, curtametraxes, documentais, etc.) para a súa distribución e exhibición en lingua galega (VO, VOSG ou dobraxe ao galego) e outra para a distribución en lingua galega de contidos audiovisuais non galegos.

A axenda completa do programa Visións da Rede Cultural pódese consultar na seguinte ligazón: https://www.dacoruna.gal/dicoruna-subtel/redcultural/agenda