A UDC aproba a oferta de prazas do próximo curso con novos graos

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mar, 03/04/2018 - 15:49 / Etiquetas: UDC, Graos Universidade da Coruña

 

O Consello de Goberno da Universidade da Coruña aprobou na súa sesión desta mañá o límite de prazas nas titulacións de grao e mestrado para o próximo curso 2018/2019. Neste próximo curso, a UDC ofertará dous novos graos: Grao en Paisaxe, con 50 prazas e que se impartirá na Escola Politécnica Superior da Universidade de Santiago de Compostela no Campus de Lugo os dous primeiros cursos e na Escola Técnica Superior de Arquitectura os dous últimos, sendo o primeiro grao interuniversitario do Sistema Universitario Galego; e o Grao en Xestión Industrial da Moda, con 50 prazas e que se impartirá na Facultade de Humanidades e Documentación no Campus de Ferrol.

Na listaxe de títulos de mestrado, a UDC implantará o próximo curso novos títulos. No Campus de Ferrol:  Mestrado Universitario en Enxeñaría en Deseño Industrial, con 25 prazas e o M.U. en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, con 25 prazas tamén. Ademais, no Campus da Coruña ofertaranse:

- M.U. en Ciberseguridade (interuniversitario), con 20 prazas na UDC

- M.U. en Produción Xornalística Audiovisual, con 30 prazas

- M.U. en Economía (interuniversitario), con 15 prazas na UDC

​- M.U. en Biodiversidade Terrestre e Xestión do Medio Natural (interuniversitario), con 10 prazas na UDC

- M.U. en Computación de Altas Prestacións (interuniversitario), con 13 prazas na UDC

- E o novo Programa de simultaneidade do M.U. en Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos e o M.U. en Dirección e Administración de Empresas, con 10 prazas

O Consello de Goberno desta mañá tratou outros asuntos como a modificación da Normativa pola que se regula a dedicación do Persoal Docente e Investigador. A falta de criterios homoxéneos para todas as universidades públicas españolas que regulen a dedicación horaria do profesorado e seguindo a lei ao efecto para o Sistema Universitario Galego, a Universidade da Coruña, logo dun proceso negociador cos representantes dos traballadores, elaborou neste documento aspectos básicos relativos á actividade do profesorado e a súa repercusión sobre as tarefas docentes presenciais condicionado polas dispoñibilidades orzamentarias e o contexto normativo actual nos ámbitos estatal e autonómico. Esta normativa pretende recoñecer as actividades do profesorado que se queren impulsar co obxecto de conseguir os obxectivos descritos no Plan Estratéxico da UDC e mellorar os indicadores externos de avaliación da universidade, potenciando a internacionalización dos títulos da UDC.

A estensa orde do día da sesión de hoxe recollía ademais a aprobación do  Regulamento do Comité de Ética da Investigación e a Docencia da UDC. O Comité de Ética da Investigación e a Docencia é un órgano colexiado, permanente, interdisciplinar, independente e de carácter consultivo que ten como finalidade avaliar e garantir a corrección dos aspectos éticos da investigación e a docencia e promover a integridade científica e académica.