A Xunta achega máis de 900.000 euros a Padre Rubinos

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Lun, 08/01/2018 - 15:27 / Etiquetas: Xunta de Galicia, Padre Rubinos

 

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, mantivo hoxe no seu despacho de San Caetano un encontro cos responsables da Real Institución Benéfico Social Padre Rubinos, quenes trasladaron ao titular autonómico un avance do programa de actos conmemorativos nos que está a traballar a entidade con motivo da celebración, este ano 2018, do seu centenario. A xuntanza serviu tamén para afondar no traballo que Padre Rubinos está a desenvolver nestes momentos para cumprir co seu obxectivo de reducir a mendicidade na cidade da Coruña a través da erradicación da exclusión social así como do coidado das persoas maiores e dos máis pequenos. Para levar a cabo este propósito, a institución conta cunha escola infantil, unha residencia para persoas maiores e un centro de día con atención social continuada, comedor social e albergue.

Nesta liña e tras o encontro, o conselleiro aseguraba o esforzo da Xunta para que todos os habitantes de Galicia vivan nunha sociedade cunha igualdade e integración real e efectiva no acceso ao benestar, un propósito “para o que esta entidade sempre contará co empuxe da administración autonómica”. E, ao fío, lembraba que a Consellería de Política Social achega máis de 900.000 euros á institución Padre Rubinos, un 15% máis que o exercicio anterior, dos que 543.412 euros están destinados ao mantemento de 40 prazas de atención a persoas maiores e os 363.342 euros restantes para a execución de diversas medidas para favorecer a inclusión social.

O Goberno galego vén de reforzar, unha vez máis, a liña de financiación a organizacións de iniciativa social para o desenvolvemento de programas e proxectos no ámbito da inclusión. Unha liña que na convocatoria actual supera xa os 8,3 millóns de euros. Así mesmo, cómpre lembrar o traballo coordinado que se está a realizar desde a Xunta de Galicia cos axentes e entidades, así como cos concellos no marco da Axenda Social, un instrumento para facer fronte de maneira conxunta a situacións de exclusión e para mellorar os servizos, recursos e programas dirixidos a mellorar a calidade de vida das persoas con menos recursos e reducir as desigualdades.