A Xunta convoca ao Concello da Coruña e aos promotores e aos cooperativistas do parque Ofimático a unha xuntanza sobre as obras de urbanización

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mié, 02/05/2018 - 15:41 / Etiquetas: Ofimático

 

A Xunta convoca o 11 de maio ao Concello da Coruña, aos promotores e aos cooperativistas do parque Ofimático a unha xuntanza sobre as obras de urbanización na que participará tamén Fenosa.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda decidiu tomar a iniciativa e convocar esta reunión despois de solicitar en varias ocasións que o fixera o Concello da Coruña, como administración responsable desas obras, sen obter polo momento resposta.

Esta reunión, tal como se comprometeu a conselleira Ethel Vázquez na súa última visita ao Ofimático, ten como obxectivo realizar o seguimento do nivel de cumprimento do protocolo firmado entre todas as partes en agosto de 2016 para facilitar que os propietarios das vivendas rematadas obteñan a licencia de primeira ocupación.

A Administración local é responsable da urbanización que se está a executar, e que, unha ver rematada, posibilitará a ocupación das vivendas xa construídas. Non obstante, os traballos rexistran un importante retraso con respecto aos prazos comprometidos, provocando que máis de 200 familias estean á espera de ocupar os seus fogares.

O Goberno galego está a poñer especial empeño no desenvolvemento do Ofimático, que permitirá dar resposta ás necesidades de vivenda social na cidade, xa que prevé a execución de 1.100 vivendas sociais, públicas e protexidas. A Xunta, que é a propietaria maioritaria do solo, co 50% do total, destina a este proxecto máis de 30 millóns de euros, dos que xa investiron máis de 12 no desenvolvemento das obras de urbanización deste ámbito, que está a executar o concello, e prevense investir case 19 millóns máis.

O Executivo autonómico tamén segue traballando arreo para impulsar a construción de 40 novas vivendas de promoción pública, que nestes momentos está en proceso de adxudicación. Neste sentido, solicita que o Concello non demore máis a concesión da licenza, necesaria para a execución das obras e para seguir avanzando neste proxecto de vivendas sociais da Xunta que suporá un investimento de 5,5 millóns de euros.