A Xunta de Goberno dará luz verde ao manual de procedemento e o plan de execución do EIDUS

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Lun, 26/02/2018 - 15:59 / Etiquetas: concello da coruña, Eidus

 

A Xunta de goberno local dará luz verde esta semana a distintos documentos que garantirán a implantación na cidade “de proxectos que dan soporte á posta en marcha da Estratexia Integrada de Desenvolvemento Urbano Sostible (EIDUS)”. Nesta xornada, e en base ao compromiso do executivo municipal coa transparencia, o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, deu conta dos mesmos na comisión informativa especial encargada do seguimento da estratexia DUSI. O edil salientou especialmente a inminente aprobación tanto do Manual de Procementos do Concello para as actuacións ligadas aos financiamento europeo no período 2014-2020, como a Plan de Execución do proxecto EIDUS Coruña, “dúas guías de actuacións moi importantes de cara a acadar o obxectivo de transformar a nosa área nun espazo de maior calidade urbana, equilibrado económica e socialmente, inclusivo e integrador, ambientalmente sostible e cunha marcada igualdade de xénero”.

Varela comentou que o Manual de Procedementos é “a guía a través da cal os distintos servizos e órganismos municipais poderán tramitar os fondos europeos recibidos para desenvolver a nosa estratexia DUSI”. “Este documento xa recibiu o informe favorable por parte do Ministerio de Facenda o pasado mes de xaneiro, algo que vén referendar, unha vez máis, o traballo que está a levar a cabo tanto o Concello como todos e todas as técnicas municipais para poder desenvolver unha estratexia de desenvolvemento urbano”, incidiu o edil, que recordou que A Coruña “foi capaz de captar o pasado ano a concesión de 15 millóns de euros en axudas dos fondos europeos FEDER para lear a cabo esta importante tarefa”. “Dese montante, cinco millóns de euros xa están contemplados nos orzamentos municipais para este 2018”, recordou.

Ao fío do programa de investimentos para este ano, Varela incidiu en que o Plan de Execución, documento que tamén recibirá mañá o visto e prace da Xunta de goberno local, “dá conta das actuacións que se desenvolverán de aquí a 2023”. “Este documento está baseado nas liñas de actuación que foron aprobadas xa no Pleno municipal”, engadiu o titular de Rexeneración que apuntou que o proxecto de maior calado que se abordará este ano está directamente relacionado co cambio de modelo da mobilidade desta cidade, “cara a un sistema sostible e máis amable co peón e coas formas de transporte non contaminantes”. Así se referiu ao ambicioso plan de renovación e ampliación de BiciCoruña, que ten como finalidade que a cidade conte con 46 estacións de aparcamento, así como un parque de 500 bicicletas de alugueiro, a metade delas eléctricas. “Neste momento, existen xa proxectos que están moi avanzados e dos que daremos conta proximamente”, avanzou Varela, quen apuntou que “aínda que o maior desembolso este ano está destinado ao fomento da mobilidade en bicicleta, tamén está previsto a execución de importantes actuacións no espazo público”. Neste punto salientou o investimento de 680.000 euros reservados para a mellora da accesibilidade en Cidade Vella e Pescaría, os máis de 280.000 consignados para as melloras no mercado de Durmideiras, ou os 200.000 euros para as restauracións de históricas sendas fluviais. No ámbito dos servizos sociais e a loita contra a desigualdade, o plan de execución tamén contempla a posta en marcha dun segundo centro social de baixa esixencia.

Documentos operativos

Varela salientou que a Xunta de goberno local dará tamén o visto e prace esta semana “a outros documentos operativos precisos para o desenvolvemento das accións ligadas aos fondos DUSI”.

Entre estes atópasen o manual e o plan de comunicación, que servirán para dotar dunha imaxe propia ao proxecto EIDUS, “tal e como solicita Europa”, e para que a cidadanía teña “cumprida información en todo momento do avance das actuacións que se desenvolveran dentro desta estratexia urbana”. Dentro dese empeño pola transparencia, a Xunta de goberno local tamén dará o visto e prace á inminente posta en funcionamento dunha nova web.