A Xunta destaca a súa a aposta pola calidade e a promoción da artesanía galega na feira Mostrart da Coruña

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Dom, 29/07/2018 - 00:03 / Etiquetas: xunta

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, acompañada da xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, participou este sábado na inauguración da XXXIV edición de Mostrart, unha das feiras de artesanía de referencia en Galicia, que se poderá visitar ata o 15 de agosto nos xardíns de Méndez Nuñez.

Vázquez Abeal destacou que a Xunta mantén a súa colaboración con este evento que, grazas ao compromiso do sector artesán, consolidouse non só como unha feira de referencia en Galicia, senón tamén como unha das máis importantes a nivel nacional, o que afianza a aposta do Goberno galego pola calidade, a promoción e a comercialización da artesanía.

Mostrart, segundo explicou a directora xeral, contribúe a achegar a calidade da marca Artesanía de Galicia á sociedade. Ademais, a súa celebración na Coruña permite nestas datas dar unha grande visibilidade aos oficios artesanais da Comunidade galega.

A mostra conta coa participación de 56 obradoiros artesáns profesionais de diferentes lugares de Galicia e un de Burgos. Mostrart é, polo tanto, unha cita anual de moitos obradoiros profesionais que veñen asistindo desde as súas primeiras edicións e onde cada ano vanse incorporando outros. Deste xeito, este ano os novos expositores son: Las flores de Greta e Coiraxe de Vigo; O Falsete de Buño, en Malpica de Bergantiños; Chorima do Porriño; e Manolo Cremallera, El Arce imaginario e Arobe Cerámica da Coruña.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia este evento a través das axudas para o fomento da comercialización da artesanía galega e impulso da competitividade do sector. Do que se trata é, en palabras de Vázquez Abeal, de potenciar unha artesanía innovadora e transversal, promovendo a innovación e a cooperación con outros sectores produtivos como o turismo.