A Xunta lanza unha campaña para previr o acoso sexual nos lugares de traballo en colaboración cos colexios profesionais

Autor: Coruña Hoy / Fecha: Mar, 26/06/2018 - 00:59 / Etiquetas: Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia vai lanzar unha campaña para previr o acoso sexual nos lugares de traballo. Farao en colaboración coa Unión Profesional de Galicia, que agrupa a 40 colexios profesionais, e Asociación Galega de Auditores Socio-Laborais (Agaxen).

A campaña permitirá chegar aos máis de 70.000 colexiados agrupados na Unión Profesional e, entre outras medidas, implicará a distribución de 35.000 trípticos con información sobre o acoso sexual no ámbito laboral.

Na firma do convenio, hoxe na Cidade da Cultura, participaron o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; a presidenta do Observatorio de Violencia de Xénero do CGPJ, María Ángeles Carmona Vergara; a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella; o presidente de Unión Profesional, Antonio Macho Senra; o presidente do Colexio Oficial de Administradores de Fincas de Galicia, Martín Bermúdez de la Puente, e a responsable da Asociación Gallega de Auditores Socio-Laborales, María Ángeles García Pérez.

A campaña volve situar a Galicia á cabeza en medidas pola igualdade real entre homes e mulleres e na loita contra a violencia de xénero. Pretende que os colexiados profesionais de Galicia sexan embaixadores da loita contra o acosos sexual, unha manifestación máis da discriminación, neste caso no ámbito laboral. Porque son as mulleres as que nun 95% dos casos sofren acosos sexual no traballo.

Rueda recordou que a prevención do acoso é unha das medidas que se inclúen no Pacto Estatal contra a Violencia de Xénero e insistiu na necesidade de implicar e concienciar a traballadores, empresas, axentes sociais, institucións e a toda a cidadanía en xeral nesta loita.